A asociación

A asociación

Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) é unha agrupación sen ánimo de lucro que, desde o seu nacemento o 5 de decembro de 1945, defende e promove os valores e liberdades da información e os dereitos e deberes dos profesionais do periodismo.

A APSC forma parte da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), xunto con outras 59 asociacións máis de todo o territorio nacional; todas elas cun interese en común que é o de protexer e amparar os dereitos e intereses profesionais dos periodistas, así como de velar polo digno cumprimento dos deberes dos mesmos, elevar a súa preparación, representar a profesión, vixiar e promover o dereito á liberdade de expresión amais de defender o desenvolvemento constitucional da cláusula de conciencia e do segredo profesional.

Despois de atravesar por unha etapa de estancamento e incerteza, a APSC renaceu a comezos do presente século reforzando os seus principios de actuación. En pouco tempo veu afianzar os seus intereses, medrar considerablemente os seus servizos e actividades e, como froito de todo isto, incrementar a súa lista de socios e socias.

Sen saírse desta liña de traballo, a APSC pretende para o futuro próximo reforzar os seus lazos coa cidade de Santiago de Compostela abordando temas de utilidade e interese cultural para os seus concidadáns.

Sede

Na actualidade, a asociación ten a súa sede na Rúa Nova9 de Santiago de Compostela (15705), para levar a cabo as labores básicas de administración e loxística. O seu apartado de Correos é o 191 e os seus teléfonos 689 686 924. O correo electrónico é cipdegalicia@gmail.com

                                                                           

 

Xunta Directiva

O período de goberno da Xunta directiva é de catro anos, sendo susceptible de reelección en Asemblea Xeral. Nesta etapa, está formada polos seguintes profesionais.
   
PRESIDENTE  
   
Luís Menéndez Villalva 

(Ourense, 1959).  Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid (1976-81). Traballou en La Región, El Ideal Gallego, Radio Galicia (SER) e Televisión de Galicia, amén de numerosas colaboracións en distintos xornais, revistas e axencias de noticias. Especialista en documentais de viaxes.

Dirixiu programas como “Galicia no Mundo”, “Europa”, “Galeguidade”, “Terras de Merlín”, “Terras do Leste” e “Terras de Acolá”. Premios: “TP” a programas informativos (1989), “Alvaro Cunqueiro” para escritores e xornalistas (1983) e “Premio Galicia de Xornalismo” (1990) e “José Aurelio Carracedo” (2004). Ten publicado “Toda a Terra é dos Homes (Galaxia 93) “Vida e Viaxes na Galeguidade” (Xunta de Galicia 96) e «Galleira Passport» (Alvarellos,2014). 

   
VICEPRESIDENTA  
   
Xulia Campo Vázquez 

1967, Mos (Pontevedra). Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou no Atlántico Diario de Vigo e no 1990 incorporouse como Redactora ós Servizos Informativos da Televisión de Galicia (TVG). Foi presentadora e reporteira dos programas «O  Agro»  e «Labranza» e directora e editora de varios espazos dos servizos informativos como «A Revista» , «Bos Días», «Galicia Directo», «Informativo local de Santiago» , «A Solaina» e «Revista da tarde»

Entre 1992 a 1995 foi redactora xefa da revista especializada “Agrocultura”.

Desde 2006, pertence á Directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, onde foi Secretaria e na actualidade ocupa o cargo de vicepresidenta. Ademais é fundadora da Agrupación de Mulleres Xornalistas da APSC (AMX) e da Asemblea Nacional de Mulleres Xornalistas.

   
SECRETARIA  
   
Belen Baños 

 

(1977, A Coruña) Licenciada en Ciencias da Información (Xornalismo-Periodismo) e Licenciada en Comunicación Audiovisual . Amante e activista do xornalismo, da escritura e da lectura, da música e da cultura en xeral, da lingua, da socioloxía, da psicoloxía, da natureza, da viaxes, da tradición e da innovación, das causas sociais e de todo servizo e exercizo para a xustiza social e para o ben público.

   
TESOUREIRA  
   

Ma. del Carmen Prado Pico

(Cospeito, Lugo 1951) Licenciada en xornalismo pola Universidade Autónoma de Barcelona. Colaborou coa Voz de Galicia, A Nosa Terra e Radio Mollet. Incorporouse aos Servizos Informativos da Televisón de Galicia en 1985. Neste canle autonómico dirixiu o informativo de Fin de Semana e editou o Telexornal Mediodía, o Bos Días Magazine e os programas A Solaina e A Revista.

 

 

 

 

 

  

 

 Vogais

 ___________________________________ _ _ _

  
   
Gloria Varela  
 
Silvia Roca  
(A Coruña, 1981) Licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual e doutora en Comunicación e Información Contemporánea pola USC. Foi redactora dos servizos informativos da CRTVG, onde exerceu de co-editora do Bos Días Magazine. Traballou na produción, realización e montaxe de longametraxes cinematográficas e de diversos formatos para tv, ademais de nos gabinetes de comunicación do Auditorio de Galicia e a Cidade da Cultura. No eido universitario, exerceu como xestora e investigadora de proxectos de I+D e, na actualidade, é parte do gabinete de comunicación da USC. 
É integrante da asociación Xornalistas Galegas, do Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais e de diferentes asociacións investigadoras do ámbito da comunicación como AGACOM, AE-IC, ECREA e IAMCR. É tamén unha das directoras do CO(M)XÉNERO – Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC.
 
 
 

Lois Celeiro

 

Licenciado en Ciencias da Información (rama de Xornalismo) pola Universidade Complutense de Madrid, é doutor en Socioloxía e Ciencia Política, pola Universidade de Santiago de Compostela.

Desenvolveu a súa actividade como xornalista en A Nosa Terra, o semanario Tempo Galego, correspondente de Diario 16 en Galicia, colaborador de La Voz de Galicia, El Progreso, La Región, El Correo Gallego e O Correo Galego, xunto con outra serie de publicacións diarias e semanais. Entre 1991 e 1996 foi xefe do Gabinete do Conselleiro, primeiro, de Relacións Institucionais e, despois, de Cultura. En xuño de 1996 retomou a súa actividade como director de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1997 encargáronlle a dirección da súa publicación xornalística e, en novembro de 1999, a do diario dixital USC. Xornal electrónico, o primeiro xornal diario electrónico das universidades do Estado Español. Actualmente é xefe do Gabinete de Comunicación e profesor Asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación nesta mesma Universidade.

 
Rafael Cid Fernández 

 

(Tamagos; Verín, Ourense, 1961), Licenciado en Filoloxía Hispánica e tamén en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e en Xornalismo pola Universidad de Navarra.

Realizou prácticas en La Voz de Galicia , xornal no que posteriormente colaborou, así como con La Región. Traballou en Televisión de Galicia e no Centro Territorial de Galicia de TVE, onde foi xefe de Programas e Informativos e onde actualmente é editor de informativos.

Guionizou e dirixiu o documental “Carrilanos, os túneles dun tempo” sobre a construcción do ferrocarril entre Puebla de Sanabria e Ourense que mereceu varios premios. Sobre o mesmo tema publicou (en Edicións Xerais) un libro, que inclúe DVD co documental. Da súa autoría é outro documental, “Queda alguén aí?”, sobre a perda de poboación no rural.

Foi profesor asociado de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

   
   
 
   
Juan Salgado Fernández 

 

(Vilar de Barrio, Ourense, 1950) Ingresou como colaborador de prensa en La Voz de Galicia, xornal do que foi redactor na súa Delegación en Santiago de Compostela (1974-1977)

Actual subdirector de El Correo Gallego, onde entrou en 1976 e do que é Defensor do Lector desde decembro de 2004. Director do semanario Terras de Santiago.

Desde 1991 e ata 2006 foi o responsable de edición do Anuario que publica El Correo Gallego e responsable da edición da “Guía cidadá do Concello de Santiago” en 2003 e 2006.

Premio Galicia de Comunicación (1999) á mellor traxectoria profesional en prensa escrita. Foi gañador do primeiro premio nos concursos “Juan de San Clemente” (1972) e “Centro Galego de Baracaldo” (1973) na modalidade de contos.

   
   

 

   
   

 

Mulleres Xornalistas

A Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX),  foi creada no ano 2007 no núcleo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), como unha comisión encargada dos temas de xénero.

Entre os seus obxectivos figuran os de procurar a igualdade de representación de mulleres e homes nos órganos de decisión dos medios de comunicación. No tratamento da información xornalística, avoga pola igualdade e o rexeitamento da violencia de xénero.

Para promover a igualdade de xénero e mellorar o tratamento que reciben as informacións sobre violencia, a agrupación ven de crear dúas mencións xornalísticas, unha pola igualdade  e outra contra a violencia de xénero.

A Mención Xornalística pola Igualdade vai premiar os traballos publicados nos medios de comunicación que se distingan por unha información defensora dos valores da equidade entre  mulleres e homes. A primeira mención outorgarase arredor do Día Internacional da Muller, que se celebra o día 7 de marzo.

Do mesmo xeito, a Mención Xornalística contra a Violencia de Xénero, outorgarase arredor do 25 de novembro. Con esta mención, a AMX promove nos medios de comunicación unha información acorde coas políticas que perseguen un tratamento de rexeitamento da violencia contra as mulleres e apoio ás vítimas.

Para pertencer a esta agrupación, hai que formar parte da Asociación de Periodistas de Santiago  (APSC) e mostrar a vontade de participar.

Estatutos
Código Deontolóxico da FAPE
Estatutos

PREÁMBULO

A implantación do réxime autonómico en Galicia, coa conseguinte proliferación de medios de comunicación; a instalación, así mesmo, de empresas e actividades relacionadas coa comunicación, como xornais e empresas editoriais, axencias e difusión da prensa electrónica e medios audiovisuais e radiofónicos; o propio outorgamento á cidade de Santiago do status de capitalidade, e a implantación dos estudos de xornalismo no seo da Universidade compostelá, abriron canles e redes de desenvolvemento das actividades xornalísticas que, dun xeito moi directo, merecen a atención da ata agora denominada Asociación da Prensa de Santiago de Compostela e que, coa entrada en vigor da reforma estatutaria que propoñemos, pasará a denominarse oficialmente Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC).

Con todo, cómpre lembrar que a defensa, a protección e o amparo dos dereitos e intereses profesionais, que constitúen o cometido primordial das Asociacións da Prensa, preocuparon dende antano aos xornalistas exercentes nesta cidade, mesmo alén dos ámbitos estritamente locais. Concretamente –só a título de exemplo- xa no ano de 1875 Alfredo Vicenti e Manuel Bibiano Fernández, entre outros destacados periodistas de Santiago, promoveron a celebración dunha asemblea de representantes das redaccións de periódicos, co propósito de alentaren ao asociacionismo desta profesión en Galicia, malia que daquela non deran logrado tan loables obxectivos.

Houbo, así mesmo, nos anos finais do século XIX e na primeira metade do XX outros intentos de crear unha Asociación da Prensa en Compostela, mais tal afán non se viu plenamente cumprido ata o 5 de decembro de 1945, data da acta de constitución da APSC. Non obstante, o xermolo daqueles pioneiros do asociacionismo da prensa en Galicia frutificaría afortunadamente, ao xurdir aquí a Federación Galega de Asociacións de Periodistas (FEGAP), constituída na aula magna do Pazo de Fonseca, o 10 de xullo de 1984, coa conseguinte proclamación do ilustre periodista e académico Valentín Paz-Andrade como o seu primeiro socio de honra.

Á marxe doutras consideracións históricas, o Estatuto da APSC ata agora vixente, aprobado en Asemblea do 30 de xuño de 1986, foi un instrumento útil e axeitado para regular e ordenar as necesidades e aspiracións dos socios e da propia entidade. Pero os novos tempos, e mesmo o desenvolvemento da propia Asociación, aconsellan a súa actualización, introducindo reformas que permitan que a acción xornalística se faga aínda máis eficaz e axeitada, para atenderen ás necesidades que emanan non só da diversidade dos medios de comunicación de arestora, senón tamén da mesta concorrencia na rede informática, onde non é doado distinguir aos auténticos profesionais e ás fontes fiables de información entre tantos milleiros de afeccionados á transmisión de mensaxes novidosas.

Consecuentemente, cumpría xa cambiar a denominación da Asociación da Prensa, cada día máis obsoleta, pola de Asociación de Periodistas, adaptando tamén a nosa regulación estatutaria á da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) e á da FEGAP, das que formamos parte activa. Polo demais, conforme ao exposto, en atención aos tempos que corren, nestes Estatutos refórzase o compromiso de vixiar e procurar que os profesionais da información, tanto nos medios de titularidade pública coma nos das diversas empresas do sector privado, conten coa debida titulación académica e/ou estean inscritos con anterioridade a esta reforma estatutaria no Rexistro Oficial de Periodistas da FAPE.

En suma, a APSC, coa aplicación e co cumprimento das presentes normas estatutarias reformadas, agarda conseguir que os xornalistas poidan realizar a súa función informativa dentro dos parámetros debidos do rigor, a veracidade e a liberdade de expresión, fronte ás posibles inxerencias ou arbitrariedades dos poderes políticos, económicos, empresariais ou de calquera outra índole, ás veces interesados en manipularen e mesmo silenciaren a información máis veraz en proveito propio.

TÍTULO PRELIMINAR: DA CONSTITUCIÓN, DENOMINACIÓN E SEDE DA ASOCIACIÓN

Artigo 1.- Co nome de Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (en diante a Asociación) constitúese unha asociación que se rexerá polos presentes Estatutos ó amparo da Lei Orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de Liberdade Sindical.

Artigo 2.- A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, coñecida ata agora como Asociación da Prensa de Santiago, é unha agrupación profesional que ten por obxecto a defensa e promoción dos valores e liberdades da información, dos dereitos e deberes dos profesionais e dos seus socios, en particular no que se refire á súa actividade periodística.

Artigo 3.- A Asociación non ten ánimo de lucro e a súa duración é indefinida. Goza de personalidade xurídica propia e capacidade plena de obrar distintas das dos seus membros, podendo, en consecuencia, adquirir, dispoñer, afianzar e administrar toda clase de bens mobiliarios ou inmobiliarios de acordo ás prescricións legais e demais dereitos e obrigas que lle correspondan.

Artigo 4.-    Na organización e funcionamento da Asociación aplicaranse criterios de democracia interna, de transparencia na xestión e de cumprimento das recomendacións de bo goberno corporativo con respecto á Constitución, ao ordenamento xurídico e ás disposicións de obrigado cumprimento emanadas da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (en diante FAPE) ou dos presentes Estatutos.

Artigo 5.-    A Asociación ten como ámbito propio da súa actividade Santiago de Compostela e a súa área de influencia.

Artigo 6.-     A sede da Asociación establécese en Santiago de Compostela, fixándose o seu domicilio principal na rúa Carlos Maside, número 7, sen prexuízo de que a Xunta Directiva poida cambialo para outro lugar, sempre dentro do termo municipal, dando conta dos cambios que se produzan ao SMAC.

Artigo 7.-     A Xunta Directiva poderá establecer delegacións fóra do seu ámbito territorial e poderá, así mesmo, formalizar convenios con outras entidades públicas e privadas.

Artigo 8.-     Sen prexuízo da súa pertenza á FAPE e á Federación Galega de Asociacións de Periodistas (en diante FEGAPE), a Asociación poderá formar parte doutras organizacións sempre que non sexan incompatibles cos seus fins e que conten coa aprobación por maioría absoluta en Asemblea Xeral.

TÍTULO I: DOS FINS E OBXECTIVOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 9.- A Asociación ten como fins os seguintes:

a)    Defender os dereitos e protexer os intereses da profesión periodística, velando asemade polo digno cumprimento dos deberes correspondentes.

b)    Vixiar e promover activamente o dereito á liberdade de expresión como premisa indispensable para o exercicio da profesión periodística.

c)    Promover a elevación socio-laboral e técnica dos profesionais do periodismo.

d)    Fomentar o espírito da solidariedade entre tódolos periodistas, por riba das súas diversas opcións persoais.

e)    Representar a profesión periodística e os seus socios nos ámbitos legais, sociais, administrativos, contenciosos, etc.

f)    Organizar e regulamentar os servizos que considere convenientes para a asistencia dos socios nos ámbitos culturais, xurídicos, sanitarios, económicos e recreativos, e calquera outros que poidan derivarse da natureza da Asociación.

g)    Vixiar e procurar que os que exerzan a profesión posúan a titulación adecuada ou cumpran os requisitos especificados no artigo 9, tanto nos medios informativos de titularidade pública coma nas empresas privadas do sector.

TÍTULO II: DOS DEREITOS E DEBERES DOS MEMBROS DA ASOCIACIÓN

Artigo 10.- A Asociación componse de membros numerarios e de honra:

Os membros de número da Asociación terán a plenitude de dereitos e deberes establecidos nos presentes Estatutos, salvo os parados e os xubilados que están exentos de cota.

Poderán ser membros de número os que provistos da titulación e requisitos que define a FAPE, o soliciten e sexan admitidos pola Xunta Directiva.

Estes requisitos poderán ser calquera dos seguintes:

1.-    Estar en posesión dun título de licenciatura, ou outro superior de carácter oficial para o que se esixa unha licenciatura, expedido por unha Facultade de Periodismo, Ciencias da Información na rama de Periodismo ou denominación equiparable de calquera universidade española ou estranxeira con titulación homologada en España;

2.-    ou estar en posesión do título de Periodista expedido polas extintas Escolas de Periodismo;

3.-    ou estar inscrito no Rexistro Oficial da FAPE, sexa cal fose o momento da súa inscrición, agás que esta se cumprimente, sen a preceptiva titulación académica, nunha data posterior á aprobación desta reforma estatutaria.

A inadmisión pola Xunta Directiva dalgún dos socios será recorrible ante a Asemblea Xeral.

Artigo 11.- Os socios numerarios terán dereito a presentar iniciativas á Asemblea Xeral e á Xunta Directiva; a elixir e ser elixidos membros da Xunta Directiva; a utilizar os servizos asistenciais e as instalacións comúns da Asociación; a participar nas súas actividades culturais e profesionais e demais actos comunitarios; e a obter información, cando proceda, sobre a marcha da entidade, sobre as súas diversas actuacións e sobre a súa situación económica. Para que un socio poida facer uso dos anteriores dereitos e de calquera outro en xeral, será requisito indispensable e previo que se encontre ao corrente das súas obrigas coa Asociación.

Artigo 12.- Os deberes dos membros da Asociación son:

a)    Axustar a súa actuación ás normas estatutarias.

b)    Contribuír ao sostemento da Asociación segundo o réxime de cotas e   contribucións extraordinarias que se establezan.

c)    Emprestar a colaboración necesaria para o bo funcionamento da Asociación.

Artigo 13.- A condición de membro pódese perder:

a)    A petición propia.

b)    Por grave incumprimento das obrigas estatutarias, mediante acordo da Xunta Directiva que se deberá referendar pola Asemblea Xeral.

c)    Por falta de pagamento das cotas establecidas tras un período dun ano.

d)    Por incapacidade legal ou xudicial que impida ao membro exercer as actividades relacionadas coa Asociación.

Artigo 14.- Os socios de honra están exceptuados, polo seu propio carácter, de todo dereito e deber estatutarios, agás os de actuar de xeito contrario aos presentes Estatutos, especialmente en canto á liberdade de expresión. A infracción poderá ser motivo de expulsión, previa aprobación na Asemblea.

A Asemblea Xeral, por unha maioría de dous tercios, e a proposta da Xunta Directiva, poderá designar socios de honra a aqueles periodistas e persoeiros que se tivesen distinguido pola súa traxectoria profesional, defensa da profesión e liberdade de expresión.

TÍTULO III: DA ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DA ASOCIACIÓN.

Artigo 15.-    Son órganos da Asociación a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o seu Presidente.

DA ASEMBLEA XERAL

Artigo 16.-    A Asemblea é o órgano supremo da Asociación e está composta por tódolos socios. A súa competencia abrangue tódalas materias que entran nos obxectivos da Asociación, entre elas as de aprobar a memoria e a xestión da Xunta Directiva anualmente, así como os orzamentos, as contas e o total das cotas.

Reunirase como mínimo unha vez ao ano en sesión ordinaria e con carácter extraordinario, sempre que sexa necesario, a requirimento da Xunta Directiva ou cando o solicite un tercio dos socios. A convocatoria deberá realizarse con dez días de antelación. A Asemblea quedará validamente constituída na primeira convocatoria cando compareza a maioría absoluta dos membros presentes e, no seu defecto, en segunda convocatoria, sexa cal fose o número de membros que concorran.

Actuarán como Presidente, Secretario e dous Vogais, os que o sexan da Asociación.

Artigo 17.-    Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse de conformidade co principio maioritario, coas especialidades que en canto á cualificación de voto se precisan neste Estatuto.

DA XUNTA DIRECTIVA

Artigo 18.-    A Xunta Directiva está integrada polo Presidente da Asociación, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e de tres a cinco Vogais.

O seu mandato será de catro anos, sendo susceptibles de reelección.

Artigo 19.-     A Xunta Directiva reunirase coa periodicidade que os seus membros decidan e en sesión extraordinaria cando sexa convocada con ese carácter polo seu Presidente ou a solicitude do vintecinco por cento dos membros que a compoñen, que en todo caso tamén será convocada polo Presidente.

Os acordos da Xunta Directiva adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, coas excepcións que no Estatuto se establezan. En caso de empate na votación, decidirá o voto de calidade do Presidente. Os acordos validamente adoptados vinculan a tódolos membros da Xunta Directiva e a tódolos socios.

Artigo 20.- Os membros dos órganos de goberno cesarán nas súas funcións por renuncia voluntaria, ou por transcurso do prazo para o cal foron elixidos, ou por acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado polos tres cuartos dos socios reunidos en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cese automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.

As vacantes que se produzan durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas entre os demais directivos ata a elección pola Asemblea Xeral, debendo contar como mínimo con tres persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro.

DA PRESIDENCIA

Artigo 21.- O Presidente é o representante legal da Asociación, dirixe e impulsa a súa actividade, visa as actas dos distintos órganos e as certificacións que se expidan e exerce as demais actividades que os presentes Estatutos lle reserven. Así mesmo, correspóndelle ao Presidente a dirección xeral dos asuntos da Asociación, a coordinación de tódolos seus órganos e dependencias, así como a inspección de tódalas súas actividades.

Correspóndelle, ademais, e sen prexuízo doutras, que os Estatutos lle reserven as seguintes funcións:

a)    Coidar do cumprimento dos Estatutos e dos acordos adoptados na Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva. Autorizará as actas co seu visto e prace.

b)    Fixar a orde do día e asinar a convocatoria das sesións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.

c)    Presidir as sesións e dirixir os debates da Xunta Directiva e das Asembleas Xerais, decidindo co seu voto nos casos de empate.

d)    Subscribir os contratos a nome da Asociación, outorgar poderes a favor de terceiros, formular reclamacións de carácter xudicial, administrativo ou contencioso-administrativo, exercitar accións e opoñer excepcións. Todo iso coa limitación que, para cada caso, impoña a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.

Na súa ausencia, o Vicepresidente substituirá ao Presidente cos seus mesmos dereitos e obrigas.

DO SECRETARIO

Artigo 22.- Atínxelle ao Secretario organizar e dirixir os servizos administrativos, custodiar os libros da Asociación e, entre eles, estarán baixo a súa responsabilidade os libros de Actas e o libro de rexistro de membros da Asociación.

O Secretario dá fe dos actos da Asociación, correspondéndolle a facultade de certificalos e expedir as certificacións, co visto e prace do Presidente.

DO TESOUREIRO

Artigo 23.- O Tesoureiro terá ao seu cargo a custodia e o control dos fondos da Asociación, elaborará o orzamento de ingresos e gastos e o balance e liquidación das contas da entidade. Baixo a súa custodia estará o libro de contabilidade no que figurarán os ingresos e gastos, precisando a súa procedencia e investimento. Dará conta diante da Asemblea do estado de ingresos e gastos da Asociación.

DA MOCIÓN DE CENSURA E CUESTIÓN DE CONFIANZA

Artigo 24.-

1.- O mandato do Presidente poderá ser revogado mediante moción de censura polos tres cuartos do censo da Asociación en votación efectuada en sesión extraordinaria e con ese único punto na orde do día. Se prosperase a moción presentada contra o Presidente, a mesma afectará por igual a toda a Xunta Directiva.

2.- No caso de prosperar o voto de censura, a Xunta Directiva verase obrigada a presentar a súa dimisión e procederá á convocatoria de eleccións no prazo dun mes para a súa renovación total.

3.- Cando o Presidente presente unha cuestión de confianza, convocará a Asemblea Xeral, acompañando un escrito sobre os motivos da mesma. Aberta a sesión, o Presidente exporá os motivos da súa petición abríndose a continuación debate sobre os mesmos.

A confianza será outorgada cando a votación favorable se estenda á maioría dos membros presentes da Asemblea. No caso de non ser outorgada, o Presidente cesará automaticamente, facéndose cargo da presidencia o Vicepresidente, ata que no prazo dun mes se elixa un novo titular.

TÍTULO IV: DAS COMISIÓNS

Artigo 25.-

1.-    A Xunta Directiva poderá crear cantas comisións informativas e de traballo estime oportunas, presididas por un membro da mesma e coa obriga de informar das súas actuacións.

2.-     A Asociación poderá crear unha Comisión de Garantías e Asuntos Profesionais co fin de resolver as cuestións que no exercicio da súa autonomía sexan propias da súa competencia, ou daquelas que, sendo de atribución á FAPE, lle sexan delegadas. A Comisión poderá instruír expedientes relativos á materia que remitirá á Comisión da FAPE.

3.-     Tamén poderá crear unha Comisión de Queixas e Deontoloxía nos mesmos termos e cos mesmos fins ca anterior.

4.-     Os membros da Asociación que formen parte das devanditas comisións da FAPE serán asesores natos das respectivas comisións que a Asociación organice.

TÍTULO V: DAS ELECCIÓNS E DO PROCESO ELECTORAL

Artigo 26.-

1.-    As eleccións celebraranse por sufraxio universal, directo e secreto, de tódolos socios nas condicións establecidas nos Estatutos.

2.-    Os socios que non poidan exercer persoalmente o seu dereito de voto, poderán facelo mediante a modalidade de voto por correo postal ou mediante delegación, para os que a Xunta Directiva dictará as normas de procedemento oportunas.

3.-     Así mesmo, a Asociación deberá estudar a posibilidade de establecer o uso do voto por correo electrónico ou por calquera das modalidades que as novas tecnoloxías permitan, sempre que se adopten as cautelas que garantan o secreto do voto e o respeto á pureza do procedemento.

4.-     O procedemento electoral rexerase polas Normas que figuran no Anexo I dos presentes Estatutos, dos que serán parte integrante.

TÍTULO VI: DO RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 27.- O réxime disciplinario derivado das competencias propias da Asociación será obxecto de regulación específica, debendo a Xunta Directiva formar a relación de tipos e sancións que correspondan. A mesma será sometida á primeira Asemblea Xeral para o seu debate e aprobación, se procedese.

Mentres que non se aprobe o Regulamento de réxime disciplinario rexerán as normas da FAPE no que sexan de aplicación.

TÍTULO VII:  DOS RECURSOS E DO PATRIMONIO

Artigo 28.- Os recursos serán de dúas clases: ordinarios e extraordinarios. Os recursos ordinarios compóñense das cotas dos socios, da súa titularidade e das rendas do patrimonio da Asociación. Os extraordinarios compóñense das doazóns ou subvencións de carácter particular e oficial, da promoción de actividades artísticas ou culturais, da edición de publicacións, da explotación de actos de carácter recreativo ou doutra natureza, ou de calquera outros legalmente válidos.

TÍTULO VIII: DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 29.- A Asociación poderá existir mentres que o desexen polo menos o vintecinco por cento dos socios. Poderá disolverse por causas fixadas legalmente, por resolución xudicial ou por vontade dos seus membros cando sexa acordada polo setenta e cinco por cento dos socios presentes en Asemblea Xeral Extraordinaria.

Acordada a disolución, a Asemblea elixirá unha Comisión liquidadora encargada de facer o inventario, amortizar as obrigas pendentes, rematar os contratos subsistentes e seguilos demais trámites e obrigas que a disolución requira.

O documentos, libros, obxectos artísticos e culturais pasarán a unha entidade de carácter periodístico que determinará a Asemblea Xeral na fórmula e no momento que se estimen oportunos.

A Xunta Directiva e os demais órganos da Asociación colaborarán eficaz e dilixentemente coa Comisión liquidadora para o máis rápido cumprimento dos seus fins.

TÍTULO IX: DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR

Artigo 30.- Un regulamento de réxime interior, que non contradiga o disposto nos presentes Estatutos, desenvolverá o presente articulado. Deberá ser elaborado pola Xunta Directiva e sometido á Asemblea Xeral, que o poderá aprobar mediante votación ordinaria.

Formarán parte do Regulamento de réxime interior as normas que figuren nos Anexos.

TÍTULO X: DA REFORMA DOS ESTATUTOS.

Artigo 31.- A reforma dos Estatutos farase por iniciativa da Xunta Directiva ou do vintecinco por cento dos socios do censo, con propostas que deberán estar a disposición dos mesmos con quince días de antelación á convocatoria da Asemblea Xeral, por maioría e en sesión extraordinaria convocada a tal efecto.

As modificacións estatutarias ou as que figuran nos Anexos, producirán efectos para os socios dende o momento da súa adopción, mentres que para que surtan efectos a terceiros será necesaria a inscrición no Rexistro correspondente.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas desde a entrada en vigor dos presentes estatutos, as disposicións de igual ou menor rango que se opoñan ao disposto no mesmo.

ANEXO I: NORMAS ELECTORAIS

Artigo 1.-     As eleccións serán convocadas pola Xunta Directiva cun mes de antelación, expresando inequivocamente os postos a cubrir e as normas de celebración, que basicamente serán as seguintes:

a) As candidaturas serán pechadas e para que queden proclamadas deberán ser presentadas coas sinaturas de polo menos dez socios que non poderán asinar outra candidatura.

b) As candidaturas deberán presentarse na sede da Asociación, ante a Xunta Directiva nun prazo de quince días antes das eleccións.

c) As impugnacións das listas deberan presentarse nun prazo de catro días a contar dende o peche da súa presentación. Se houbese impugnacións convocaríase nun prazo máximo de corenta e oito horas unha Asemblea Xeral extraordinaria que as resolvería.

Artigo 2.-     A Xunta Directiva proclamará os candidatos unha semana antes do día das votacións.

Neste mesmo acto sortearanse os compoñentes da Mesa electoral, que estará formada por tres quendas de tres socios cada un e un máximo de seis suplentes que non figuren nas candidaturas e que serán designados por sorteo realizado ante representantes das candidaturas proclamadas.

A urna na que se depositarán os votos estará debidamente precintada. As papeletas, que serán dun único formato e irán seladas, o que garante o seu carácter oficial así como os sobres, serán facilitados pola Xunta Directiva. Disporanse igual número de papeletas de tódalas candidaturas e en branco así como sobres para a elección. Os votos por correo postal recibidos ata o día da votación serán escrutados ao final da xornada electoral.

Artigo 3.-     A xornada electoral desenvolverase ininterrompidamente dende as dez da mañá ata as dez noite, hora na que se pecharán as portas do local electoral e non poderán votar máis que aqueles socios que se atopen no interior do mesmo. A Mesa votará en último lugar e procederá á apertura da urna e reconto de votos diante dos socios que alí se atopen, que poderán presentar reclamacións no prazo dunha hora finalizado o escrutinio.

No caso de que se presenten reclamacións, os resultados serán provisorios ata unha nova Asemblea Xeral Extraordinaria que deberá ser convocada no prazo máximo de corenta e oito horas, que resolverá as reclamacións e proclamará oficialmente os resultados definitivos, que serán comunicados por carta a tódolos socios.

Artigo 4.-     Calquera candidatura que apareza nunha papeleta de votación e non fora proclamada considerarase voto nulo. Aceptaranse votos por delegación sempre e cando a persoa en quen se delega lle presente á Mesa un escrito asinado pola persoa que delega.

Artigo 5.-     De non presentarse candidatura algunha, a Directiva en funcións convocará no prazo de dous meses unha Asemblea Xeral Extraordinaria para debater a situación e convocar, se procedese, un novo proceso electoral.

Artigo 6.-  As vacantes que se produzan illadamente dentro de cada período serán ocupadas, segundo nomeamento do Presidente, por outro cargo directivo que haxa nese momento obtendo así dobre función, ou se se considera preciso, serán elixidas por votación libre e secreta en Asemblea Xeral seguindo as normas de votación establecidas nos presentes Estatutos. Nos casos de que as vacantes acaden máis da metade da Xunta Directiva electa, ou de dimisión do Presidente e o Vicepresidente, deberán convocarse obrigatoriamente novas eleccións no prazo de dous meses.

Os presentes Estatutos modificados foron aprobados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada en, Santiago de Compostela, a 19 de xullo de 2007

Código Deontolóxico da FAPE

Aprobado en Asemblea Ordinaria celebrada en Sevilla o día 27 de novembro de 1993

PREÁMBULO:

No marco das liberdades civís consagradas na Constitución, que constitúen  a referencia necesaria para unha sociedade plenamente democrática, o exercicio profesional do Periodismo representa un importante compromiso social, para que se faga realidade para todos os cidadáns o libre e eficaz desenvolvemento dos dereitos fundamentais sobre a libre información e expresión das ideas.

Coma o seu suxeito e instrumento da liberdade de expresión, os periodistas recoñecen e garanten que o seu exercicio profesional é o leito de manifestación dunha opinión pública libre dentro do pluralismo dun Estado democrático e social de Dereito.

Pero os periodistas, tamén, consideran que o seu exercicio profesional no uso e goce dos seus dereitos constitucionais á liberdade de expresión e ao dereito á información, está sometido aos límites que impidan a vulneración doutros dereitos fundamentais.

Por iso, á hora de asumir estes compromisos, e como verdadeira garantía que lle ofrece á sociedade española, á que serve, a profesión periodística entende que lle corresponde manter, colectiva e individualmente, unha conduta impecable en canto se refire á ética e á deontoloxía da información.

Neste sentido, os periodistas integrados na Federación de Asociacións de Periodistas de España, comprométense coa sociedade a manter no exercicio da súa profesión os principios éticos e deontolóxicos que lles son propios.

Na súa virtude, a Asemblea Xeral da Federación de Asociacións de Periodistas de España promulga os seguintes principios e normas da profesión periodística:

I. PRINCIPIOS XERAIS

1. O periodista actuará sempre mantendo os principios de profesionalidade e ética contidos no presente Código Deontolóxico, cuxa aceptación expresa será condición necesaria para a súa incorporación ao Rexistro Profesional de Periodistas e ás Asociacións de Prensa federadas.
Quen con posterioridade á súa incorporación ao Rexistro e á correspondente Asociación actúe de maneira non compatible con estes principios, caerá nos supostos que se contemplen na correspondente regulamentación.

2. O primeiro compromiso ético do periodista é o respecto á verdade.

3. De acordo con este deber, o periodista defenderá sempre o principio da liberdade de investigar e de difundir con honestidade a información e a liberdade do comentario e da crítica.

4. Sen prexuízo de protexer o dereito dos cidadáns a estar informados, o periodista respectará o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, tendo presente que:

a) Só a defensa do interese público xustifica as intromisións ou indagacións sobre a vida privada dunha persoa sen o seu consentimento previo.

b) No tratamento informativo dos asuntos en que medien elementos de dor ou aflición nas persoas afectadas, o periodista evitará a intromisión gratuíta e as especulacións innecesarias sobre os seus sentimentos e circunstancias.

c) As restricións sobre intromisións na intimidade deberán observarse con especial coidado cando se trate de persoas ingresadas en centros hospitalarios ou en institucións semellantes.

d) Prestarase especial atención ao tratamento de asuntos que lle afecten á infancia e á xuventude e respectarase o dereito á intimidade dos menores.

5. O periodista debe asumir o principio de que toda persoa é inocente mentres non se demostre o contrario e evitar ao máximo as posibles consecuencias daniñas derivadas do cumprimento dos seus deberes informativos. Tales criterios son especialmente esixibles cando a información verse sobre temas sometidos ao coñecemento dos Tribunais de Xustiza.

a) O periodista deberá evitar nomear nas súas informacións aos familiares e amigos de persoas acusadas ou condenadas por un delito, salvo que a súa mención resulte necesaria para que a información sexa completa ou equitativa.

b) Evitarase nomear as vítimas dun delito, así como a publicación de material que poida contribuír á súa identificación, actuando con especial dilixencia cando se trate de delitos contra a liberdade sexual.

6. Os criterios indicados nos dous principios anteriores aplicaranse con rigor extremo cando a información poida afectarlle a menores de idade. En particular, o periodista deberá absterse de entrevistar, fotografar ou gravar os menores de idade sobre temas relacionados con actividades delituosas ou enmarcables no ámbito da privacidade.

7. O periodista extremará o seu celo profesional no respecto aos dereitos dos máis débiles e dos discriminados. Por iso debe manter unha sensibilidade especial nos casos de informacións ou opinións de contido eventualmente discriminatorio ou susceptibles de incitar á violencia ou a prácticas humanas degradantes.

a) Debe, por iso, absterse de aludir, de modo despectivo ou con prexuízos, á raza, cor, relixión, orixe social ou sexo dunha persoa ou calquera enfermidade ou minusvalía física ou mental que padeza.

b) Debe tamén absterse de publicar eses datos, salvo que garden relación directa coa información publicada.

c) Debe, finalmente, e con carácter xeral, evitar expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos individuos e a súa integridade física e moral.

II. ESTATUTO

8. Para garantir a necesaria independencia e equidade no desempeño da súa profesión, o periodista deberá reclamar, para si e para quen traballe ás súas ordes:

a) O dereito a unhas condicións dignas de traballo, tanto no que se refire á retribución, como ás circunstancias materiais e profesionais en que debe desempeñar a súa tarefa.

b) O deber e o dereito de oposición a calquera intento evidente de monopolio ou oligopolio informativo, que poida impedir o pluralismo social e político.

c) O deber e o dereito de participación na empresa periodística, para que se garanta a súa liberdade informativa de maneira compatible cos dereitos do medio informativo en que se exprese.

d) O dereito a invocar a cláusula de conciencia, cando o medio do que dependa pretenda unha actitude moral que lesione a súa dignidade profesional ou modifique sustantivamente a liña editorial.

e) O dereito e o deber a unha información profesional actualizada e completa.

9. O periodista ten dereito a ser amparado tanto no marco da súa propia empresa coma polas organizacións asociativas ou institucionais, frente a quen, mediante presións de calquera tipo, pretendan desvialo do marco de actuación fixado no presente Código Deontolóxico.

10. O segredo profesional é un dereito do periodista, á vez que un deber que garante a confidencialidade das fontes de información.
Por tanto, o periodista garantirá o dereito das súas fontes informativas a permanecer no anonimato, se así lle foi solicitado. Non obstante, tal deber profesional poderá ceder excepcionalmente no suposto de que conste irrefutablemente que a fonte falseou de maneira consciente a información ou cando revelar a fonte sexa o único medio para evitarlle un dano grave e inminente ás persoas.

11. Correspóndelle ao periodista vixiar escrupulosamente o cumprimento por parte das Administracións Públicas da súa obriga de transparencia informativa. En particular, defenderá sempre o libre acceso á información que provén ou é xenerada por aquelas, ao seus Arquivos ou Rexistros Administrativos.

12. O periodista respectará e fará respectar os dereitos de autor que se derivan de toda actividade creativa.

III. PRINCIPIOS DE ACTUACIÓN

13. O compromiso coa búsqueda da verdade levará sempre ao periodista a informar só sobre feitos dos cales coñeza a súa orixe, sen falsificar documentos nin omitir informacións esenciais, así como a non publicar material informativo falso, enganoso ou deformado. En consecuencia:

a) Deberá fundamentar as informacións que difunda, o que inclúe o deber de contrastar as fontes e de darlle a oportunidade á persoa afectada de ofrecer a súa versión propia dos feitos.

b) Advertida a difusión de material falso, enganoso ou deformado, estará obrigado a corrixir o erro sufrido con toda rapidez e co mesmo despregamento tipográfico e/ou audiovisual empregado para a súa difusión. Así mesmo difundirá a través do seu medio unha desculpa cando así proceda.

c) Así mesmo, e sen necesidade de que os afectados acudan á vía xudicial, deberá facilitarlles ás persoas físicas e xurídicas a oportunidade adecuada de replicar as inexactitudes de forma semellante á indicada no parágrafo anterior.

14. No desempeño das súas obrigas profesionais, o periodista deberá utilizar métodos dignos para obter a información, o que exclúe os procedementos ilícitos.

15. O periodista recoñecerá e respectará o dereito das persoas físicas e xurídicas a non proporcionar información, nin a responder as preguntas que se lles formulen, sen prexuízo do deber profesional de atender o dereito dos cidadáns á información.

16. Coas mesmas excepcións previstas para o segredo profesional, o periodista respectará o off the record cando sexa expresamente invocado ou se deduza a vontade do informante foi tal.

17. O peridista establecerá sempre unha clara e inequívoca distinción entre os dereitos que narra e o que poidan ser opinións, interpretacións ou figuracións, aínda que no exercicio da súa actividade profesional non está obrigado a ser neutral.

18. Co fin de non inducir a erro ou confusión dos usuarios, o periodista está obrigado a realizar unha distinción formal e rigorosa entre a información e a publicidade.
Por iso enténdese eticamente incompatible o exercicio simultáneo das profesións periodísticas e publicitarias.
Igualmente, esta incompatibilidade estenderase a todas aquelas actividades relativas á comunicación social que supoñan un conflito de intereses co exercicio da profesión periodística e os seus principios e normas deontolóxicas.

19. O periodista non aceptará, nin directa nin indirectamente, retribucións ou gratificacións a terceiros, por promover, orientar, influír ou ter publicado informacións ou opinións de calquera natureza.

20. O periodista non utilizará nunca en beneficio propio as informacións privilexiadas das que tivera coñecemento como consecuencia do exercicio profesional. En particular, o periodista que habitual ou ocasionalmente informou sobre asuntos financeiros estará suxeito ás seguintes limitacións:

a) Non poderá utilizar no seu beneficio económico datos financeiros dos que teña coñecemento a través da súa difusión xeral, nin tampouco poderá transmitir eses datos a terceiros.

b) Non poderá escribir sobre accións ou valores nos que teña un interese financeiro significativo propio ou dos seus familiares.

c) Non poderá negociar de ningún xeito accións ou valores sobre os que teña intención de escribir nun futuro próximo.