A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela amplía a súa directiva e asume o reto do seu 80º aniversario no 2025
Rematado o proceso electoral entre a membresía da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) resultou gañadora a Candidatura de Xornalistas Independentes que asumirá o reto de organizar o 80º aniversario da veterana asociación profesional compostelana, no ano 2025. A nova directiva, elixida por proclamación, xa que foi a única presentada, está composta por 11 xornalistas e incorpora novos colegas ós xa activos de anteriores períodos. Así, seguirán á fronte da APSC Luís Menéndez como Presidente, Xulia Campo como Vicepresidenta e Carme Prado como Tesoureira. Asume as tareas de Secretario Manuel Torrente e entran como vogais Belén Baños, Silvia Viqueira, Pastor Lorenzo, Manuel Midón e Pepe Formoso, actuando como suplentes David Sobrino e Camila Riquelme.
A APSC, delegada da FAPE (Federación de Asociaciones de Periodistas de España) na capital de Galicia, enfrontará nun moi próximo futuro outros importantes desafíos como a celebración de destacados encontros coa Federación Internacional de Periodistas, dos Clubs de Prensa de Europa, ou dos diversos colectivos profesionais galegos na defensa da liberdade de prensa e a independencia dos medios públicos. Neste sentido, e trala posta en marcha do seu Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG), a APSC, como entidade homologada e representativa de profesionais do periodismo, logrou frutíferos convenios de colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e coa Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.