Alfredo Conde presenta as súas memorias políticas no Centro Internacional de Prensa de Galicia a través do seu libro A conto do político
O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG) acolleu este mércores a presentación do libro A conto do político, de Alfredo Conde. O autor estivo acompañado Xaquín Fernández Leiceaga, economista e político; Lois Caeiro, xornalista; Pedro Puy Fraga, avogado e político, e Lourenzo Fernández Prieto, historiador.
O acto abriuse coa intervención de Xaquín Fernández, que resumiu os obxectivos do libro, “dar conta dos acontecementos importantes que viviu e pola razón de por que tomou certas posicións”. Ademais, indicou que é importante sinalar as vivenzas pasadas, poñendo de exemplo a ditadura de Franco que “non debería banalizarse”. Sinalou que o libro está feito con motivo de explicarlle ao pai de Alfredo o que el mesmo fixo durante a súa participación política.
Deseguido, Lourenzo Fernández, académico da RAG, comezou a súa intervención indicando que “actualmente pertencemos a unha cultura que prefire ser heroe que vítima, pero estando do lado da vítima”.
Pedro Puy Fraga, actualmente deputado no Congreso, foi o seguinte en intervir no acto. “Non estamos falando de autoficción. Estamos falando dunhas memorias que van do presente cara atrás, para exercer o seu dereito a ser escoitado”, indicou Puy. Continuou explicando que é un punto para el importante, xa que “Alfredo non engana e non oculta que o está explicando como el recorda, e que non está libre de sesgos”.
Alfredo Conde, despois de agradecer as intervencións dos seus compañeiros, indicou que escribiu estes libros porque “non lle gusta deixar as cousas sen respostas”.