Destacados xornalistas que viviron a catástrofe do Prestige lembraron o reto que supuxo loitar contra a manipulación

Santiago de Compostela, 14/11/2022.- Varios xornalistas de distintos medios de comunicación galegos sacaron onte conclusións sobre a cobertura informativa da catástrofe do Prestige, no transcurso dunha mesa redonda desenvolvida no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG), que foi organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG). Os poñentes estiveron dacordo en destacar o reto que supuxo informar malia manipulación informativa que intentaba o poder político.

Xosé Manuel Pereiro, actual vicedecano do CPXG, xornalista de TVE en Galicia e colaborador de El País no momento no que afundiu o Prestige, destacou a dificultade de loitar contra a manipulación dos datos que aportaba a Administración e sinalou, que pese a elo, “os xornalistas tomamos o poder. Para os que non cubrimos guerras, os naufraxios e as crises coma esta son as nosas corresponsalías de guerra, nun momento no que ademais era a primeira vez que se usaba internet. Aínda que non houbera redes sociais, houbo mobilizacións masivas de organización rápida”.

Aida Pena, directora de Informativos e Contidos de Radio Galicia-Cadena Ser, pensa que “sen o xornalismo non se tería conseguido que máis de 300.000 persoas viñeran a axudar a Galicia e que, dous meses despois da catástrofe, unhas 100.000 persoas viñeran a Santiago a manifestarse contra a xestión política”. Pablo González, xornalista que cubriu a catástrofe desde La Voz de Galicia, e que a segue a cubrir porque “o caso está pendiente das indemnizacións das aseguradoras, cun pleito que se celebra en Londres”, destacou que o seu xornal puido combatir a campaña desinformativa grazas a súa rede de delegacións e ó uso de fontes como o Centro Hidrográfico de Portugal, que informaba das derivas da mancha. Dende o seu punto de vista, máis que un Estado que pretendía manipular, o Estado “amosóuse impotente, non sabía como tratar o problema, cunha administración marítima inoperante”. Opina que os medios eran tan escasos que “non creo que o barco se puidera refuxiar con garantías en Corcubión”.

O xornal dixital Vieiros, con pouco máis de dúas persoas traballando daquela e cuns 4.000 seguidores, triplicou co Prestige a súa audiencia, coma subliñou Rocío Castro, directora entón do xornal. “Había unha necesidade da xente nova de conseguir información alternativa”, engadiu. Selina Otero, xornalista encargada da cobertura para La Opinión da Coruña, considera case imposible “establecer un culpable claro”.

Con este primeiro acto do Colexio de Xornalistas na sede do CiPG, moderado por Ana González Liste, membro da Xunta de Goberno do CPXG e xornalista en Praza.gal., os informadores conmemoraron o 20 aniversario do accidente Prestige.

Liste (no púlpito) e de esquerda a dereita, Castro, Pena, Otero, Pereiro e González.

Xornalistas na praia de Nemiña, en Muxía, gravando o desastre ecolóxico tres días despois do accidente. Fotografía de Daniel Trillo Raatzke.

Deixa unha resposta