8 MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

A Agrupación de Mulleres Xornalistas crea a “Mención Xornalística pola Igualdade de Xénero”

As xornalistas composteláns agrupadas na AMX apelan á convocatoria de Nacións Unidas para a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.

A Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX), pertencente á Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), anima á sociedade galega a participar no Día Internacional da Muller Traballadora. Para contribuír con dita causa, a AMX crea a primeira “Mención Xornalista pola Igualdade de Xénero”.

Segundo a presidenta da Agrupación, Áurea Sánchez, a idea xorde “para promover a representación en igualdade de condicións de mulleres e homes na información e nas redaccións dos medios de comunicación”.

A concesión do premio darase a coñecer o 8 de marzo de 2016, coincidindo co Día Internacional da Muller Traballadora. Para elo realizarase un seguimento mediático, que terá como fin a promoción dunha información xornalística que destaque os aspectos positivos da igualdade entre homes e mulleres tal e como contemplan as leis orgánicas a favor da igualdade e contra a violencia de xénero.

Dende a AMX remiten ás palabras do secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon, quen asegurou que “os países nos que hai máis igualdade de xénero experimentan un maior crecemento económico e que as empresas que contan con máis mulleres líderes acadan mellores cotas de rendemento”. Mesmo afirmou que os acordos de paz nos que participan as mulleres tamén son máis duradeiros.

A xuízo da AMX “débese acabar co teito de cristal que impide ás mulleres ocupar postos de responsabilidade nas empresas”. Neste senso, lembran que as mulleres, que estatisticamente viven máis anos, teñen que traballar 79 días máis que os homes para chegar a cobrar a mesma pensión de xubilación que eles. Ademais disto, recordan que a “brecha salarial” entre homes e mulleres supón para elas soldos inferiores, con ata un 24% menos de contía.  É dicir, “as mulleres cobran por igual traballo case unha cuarta parte menos de soldo que os homes”.

Con respecto aos medios de comunicación, Sánchez advirte que “tan só unha de cada catro persoas que saen nas noticias é unha muller”.

 

Áurea Sánchez, presidenta da Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX).


search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras