SUSANA LÓPEZ ABELLA: “Temos que mellorar a coordinación institucional” [para evitar casos como o de Isabel Fuentes en Ourense].

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, responde nunha entrevista, realizada o 20 de outubro de 2015, a preguntas da Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX), de mans da súa presidenta, Áurea Sánchez Puente, a preguntas sobre a protección de fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, da  necesaria mellora da coordinación institucional para evitar casos como o de Isabel Fuentes, sobre o destino do incremento dos presupostos para loitar contra este tipo de violencia e sobre as fontes de información en violencia de xénero.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta.

 

AMX: Recentemente aprobouse un incremento de presuposto da Xunta para loitar contra a violencia de xénero, pode explicarnos que destino vai ter esa partida?

SUSANA L. ABELLA: Si, efectivamente. Os orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano 2016 aumentan en máis dun 13% respecto ó ano en curso. Concretamente, os orzamentos destinados a loita contra a violencia de xénero aumentan un 18,5%. Pasan dos 3.415.900€ no ano 2015 a 4.048.000€ no ano 2016. Divídese en varias liñas: axudas económicas, periódicas, que son ademais unhas axudas que só ten a nosa Comunidade Autónoma desde hai anos postas en funcionamento pola lei de 2007, que se incrementan en 182.232€ máis que no ano 2015; é dicir, imos saír cunhas axudas de 1.862.232€.

Logo tamén están as axudas de pago único, con 4000.000€, e as de indemnización, que saen con 450.000€. As de indemnización son por sentencia xudicial e danse cando a exparella maltratador non cumpre coas obrigas por sentencia xudicial e faise cargo delas a propia Xunta de Galicia.

E outras inversións que faremos son para casas de acollida, que tamén se incrementan; a atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero en base a un convenio de colaboración que temos tódolos anos co Colexio de Psicólogos de Galicia, que se incrementa tamén, e convenios de trata.

Nós traballamos con 11 organizacións non gobernamentais no ámbito da trata de persoas con fins de explotación sexual, e temos unha liña de colaboración con estas ONG, que ascende a 480.902€; concretamente 105.000€ máis queno ano anterior. E logo temos actuacións de formación, estudos e investigación, recursos para a atención ás vítimas, como son o teléfono 012, o teletradución, apoio á inserción laboral de vítimas de violencia de xénero que é un programa novo e que sairá dotado con 650.000€. Con este programa, o que pretendemos, fundamentalmente, é que as mulleres vítimas de violencia de xénero, pola súa situación persoal, polo terrible sufrimento que teñen pasado, poidan ter una oportunidade de volver a inserirse a través dun traballo.

Por iso este programa é novo. E un apuntamento importante: os orzamentos de axuda periódica son os máis altos desde que existen estas axudas, desde o ano 2006.

Foise incrementando ano tras ano, e neste dotámolo cunha contía económica que pretende axudar durante un período de tempo, que adoita ser de doce meses, para que as mulleres rompan coa dependencia económica do agresor. É unha axuda de tódalas maneiras, insisto. Tense en conta se a muller ten fillos, persoas dependentes ó seu cargo, ou se a propia muller é discapacitada. E con esas circunstancias vaise incrementando a axuda de acordo coa situación.

 

AMX: Vai haber algún cambio na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero logo da morte en Ourense de Isabel Fuentes?

SUSANA L. ABELLA: Tódalas mortes por violencia de xénero son iguais de crueis e infames. Aínda que nestes anos os casos son durísimos polas circunstancias que rodearon a cada un dos catro asasinatos por violencia de xénero acontecidos en Galicia.

Como xa anunciamos, antes de que acabe o ano vaise aprobar o Protocolo de Coordinación Institucional fronte á Violencia de Xénero elaborado desde o Observatorio Galego para a Violencia de Xénero. A través deste Protocolo no que están representados o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía Superior, a FEGAMP, Delegación do Goberno, Vicepresidencia da Xunta e departamentos como Sanidade, Educación, Xustiza; tódolos departamentos, incluída a secretaría xeral de Medios de Comunicación, a Compañía de Radio Televisión Española tamén está, sindicatos, asociacións, etc. O que pretendemos é facer un protocolo que axude a coordinarnos máis. Onte mesmo estabamos nunha mesa de seguimento da violencia de xénero no Grove e concluímos que é importantísimo que este protocolo saia adiante para mellorar a coordinación entre todas as entidades porque hai moitas axudas, hai moitos recursos, pero, realmente, encontrámonos que temos que mellorar esa coordinación, e hai que mellorala máis para evitar, precisamente, sucesos como o que ocorreu en Ourense, ó que vostede facía referencia.

Esa é unha das medidas, tamén tódolos cambios lexislativos que se levaron a cabo por parte do Goberno do Estado. Son moi significativos, como a última sentenza que claramente apunta que o agresor perda a patria potestade en caso de intento de asasinato da nai dos seus fillos.

 

AMX: Neste eido vai a seguinte pregunta: Canto a protección dos menores, como vai cambiar a política de prevención, logo da perda de dúas nenas en Pontevedra hai uns meses?

SUSANA L. ABELLA: Este foi un caso terrible. O Goberno do Estado en xullo deste ano fixo un importante avance lexislativo neste eido porque houbo varios casos en toda España nos que as vítimas foron nenos, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero. Non digo que o caso de Moraña sexa así, porque está en investigación e quero ser moi prudente, pero o que si é certo é que a Lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia, e a Lei 26/2015, de 28 de xullo, de protección da infancia e a adolescencia melloran a protección de fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia de xénero, así como dos menores vítimas e outras formas de violencia.

Estas modificacións fansea través da Lei Orgánica do ano 2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, precisamente co obxectivo de sensibilizar sobre este tipo de violencia que se pode exercer sobre os nenos e nenas, fillos e fillas. Tamén se amplía o obxectivo de protección no que os menores poden encontrarse a cargo da muller vítima de violencia de xénero. Son medidas todas elas, pero hai outra que me gustaría destacar, que me parece importante, que é a obriga dos xuíces de pronunciarse sobre as medidas preventivas contempladas na Lei Orgánica 1/2004, facendo mención específica ás medidas civís relacionadas cos menores, en concreto sobre a suspensión da patria potestade ou a custodia de menores e suspensión do réxime de visitas en relación con eles, establecendo, ademais, desde o prazo de cumprimento, réxime de cumprimento, e as medidas complementarias que fosen necesarias. Estas medidas lexislativas xa entraron en vigor o 1 de outubro de 2015. Antes, como dicía, non era obrigatorio que os xuíces se pronunciaran sobre as medidas preventivas; antes había que solicitalo, e agora xa teñen que facelo de oficio.

 

AMX: No tocante ás fontes de información en violencia de xénero, cales serían as recomendacións que faría ós medios de comunicación para que contribúan a unha mellor visibilidade do problema e ó rexeitamento da violencia?

SUSANA L. ABELLA: Sempre digo que os medios de comunicación son vitais. Primeiro para concienciar á sociedade, dar conta da noticia tal como sucedeu, iso paréceme fundamental e necesario.

Este ano morreron asasinadas catro mulleres en Galicia. A secretaría xeral de Medios e a secretaría  xeral de Igualdade colaboran estreitamente desde hai tempo para elaborar unha guía para o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación, e, ademais, organizamos dúas xornadas, precisamente para os e as profesionais dos medios de comunicación. Concretamente, unha sobre o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación e publicidade non sexista celebrouse en decembro do 2014 e no mes de abril houbo unha conferencia sobre tratamento mediático da violencia de xénero.

É moi importante como se trata a noticia, poñendo a responsabilidade dos feitos no agresor e non tanto sobre as vítimas.

Todos recordamos o último caso e o penúltimo caso, que foron en Vigo, nos que se deu información demasiado abondosa respecto da muller asasinada. Ás veces esa información non aporta nada.

O que temos que saber é que unha muller foi asasinada e que o agresor non vai saír impune dese asasinato.

Para nós é crucial o rol que desempeñan os medios de comunicación na consecución da igualdade de xénero e na promoción do papel das mulleres na sociedade.

 

Esta entrevista foi realizada o 20 de outubro de 2015.

 

 

search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras