Entrevista a MARTA LOIS GONZÁLEZ

Marta Lois González é a concelleira responsable de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, no Concello de Santiago de Compostela. É tamén profesora na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago. Os temas nos que habitualmente traballa están relacionados coas políticas públicas, a igualdade de xénero e a representación política. É parte dun amplo grupo de investigación sobre xénero e política con profesoras e investigadoras de varias universidades do Estado. Ademais, é integrante do grupo Armela, que analiza o impacto da actual crise económica no desenvolvemento e garantía dos dereitos sociais e a igualdade de oportunidades entre a cidadanía. A Agrupación de Mulleres Xornalistas entrevistouna o 29 de outubro.
 
 
-AMX: Qué competencias ten encomendadas o Concello de Santiago para resolver cuestións relativas á violencia de xénero?
-MARTA: Segundo a Constitución todos os poderes públicos teñen a obriga de promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Dado que a violencia machista é unha das manifestacións máis dramáticas das desigualdades entre mulleres e homes, dende o Concello debemos e temos a vontade política de facer todo o posible para abordar esta problemática. É por iso que dende o goberno municipal apostamos pola creación dunha Concellaría de Igualdade, dende a cal desenvolveremos políticas específicas dirixidas a promover a igualdade de xénero.
Así mesmo, dende o 2004 o concello dispón dun Centro de Información ás Mulleres (CIM). A través deste centro -que forma parte da rede autonómica de CIMs- preténdese tanto actuar sobre as causas das desigualdades que viven as mulleres, como previr e abordar de forma directa a violencia de xénero. Ademais, tamén se busca facilitar ás mulleres toda a información sobre os recursos públicos que teñen á súa disposición como, por exemplo, prestacións, cursos de formación, orientación laboral e profesional, etc.
 
-AMX: Con qué presuposto conta?
-MARTA: No 2015, a concellaría de igualdade tivo un orzamento aproximado de 240.000 euros. O noso obxectivo no 2016 é subir este orzamento nun 60% e na medida do posible continuar incrementándoo progresivamente cada ano.
 
-AMX: Qué políticas van cambiar desde que comezaron a gobernar este ano?
-MARTA: Queremos apostar por políticas que incidan nun cambio estructural na sociedade, o cal permita avanzar de forma efectiva na igualdade de xénero no Concello de Compostela. Dito cambio pasa, entre outras cousas, por incidir na prevención da violencia a través da educación e da promoción duns valores sociais igualitarios e por abordar a igualdade de forma integral e transversal, implicando a tódalas áreas de goberno municipal e dirixindo a nosas políticas a toda a poboación.
Neste sentido, nestes momentos dende a Concellaría de Igualdade estamos levando a cabo unha diagnose sobre as desigualdades de xénero no municipio para poder elaborar posteriormente un plan de igualdade, que será o principal instrumento de xestión destas políticas para toda a lexislatura. Neste sentido, creemos que é imprescindible coñecer ben como se materializan estas desigualdades e cales son diversas necesidades existentes na nosa cidade para deste xeito poder planificar unhas políticas de xénero de carácter transversal que sexan eficaces.
No obstante, entre as actuacións concretas que estamos levando a cabo nestes momentos gustaríame sinalar que no marco da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, deseñamos unha campaña de sensibilización, ao meu modo de ver, moi innovadora e co carácter transversal ao que me refería antes. Dita campaña chámase “25. Compostela Aberta” e ten como protagonistas a todos os estabelecementos comerciais, centros culturais, colexios profesionais e institucións da cidade que se queiran sumar. A finalidade será vestir Compostela de Negro entre o 19 e o 25 de novembro para amosar simbolicamente e de forma masiva o rexeitamento social ante a violencia machista e tamén a dor por todas as mulleres que foron asasinadas por causa deste tipo de violencia. Ata o momento, xa se sumaron más de 200 pequenos estabelecementos, as grande firmas galegas e os centros comerciais máis importantes da cidade, a Universidade de Santiago de Compostela, etc.
Pero, ademais, no desenvolvemento desta campaña tamén están implicadas a Concellaría de Deportes, a Concellaría de Mobilidade, a Concellaría de Educación e a Concellaría de Cultura. Así, por exemplo, entre o 19 e o 25 de novembro tamén veremos faixas de repulsa da violencia machista nos estadios de San Lázaro e Multiusos do Sar, nalgúns dos polideportivos municipais ou nos buses urbanos. Así mesmo, en varios dos Institutos de Educación Secundaria faremos uns obradoiros nos cales se abordará esta problemática coa poboación máis nova e no marco do programa do Cine Europa haberá algunhas películas específicas nas cales se tratará tamén esta cuestión. Deste xeito, como podedes ver, a través desta actuación de sensibilización estase buscando chegar ao maior número posible de persoas e axentes sociais.
 
-AMX: Canto ás fontes de información en violencia de xénero, cales serían as recomendacións que faría ós medios de comunicación para que contribúan a unha mellor visibilidade do problema e ó rexeitamento da violencia? 
-MARTA: Creo que esta problemática da violencia contra as mulleres non se debería trivializar nin normalizar. E considero que en moitos casos está sucedendo algo así. Por exemplo, ao analizar o tratamento que fan os medios de cada asasinato por violencia machista, unha das primeiras cousas que me chama moito a atención é que na maioría dos casos falan de mulleres que morren e non de mulleres que son asasinadas. Como se cada unha das mulleres asasinadas morrese a causa dunha enfermidade o por causas naturais, e non como consecuencia da violencia extrema que se lle foi infrinxida por un home. Isto simplemente non pode ser, precisamos rigor e información seria á hora de tratar esta problemática.
Por outro lado, creo que é preciso situar este tema no centro da axenda comunicativa e incidir na gran gravidade que ten o que esta sucedendo. Imaxinen por un segundo que sucedería sen en vez de asasinar mulleres se asasinasen homes de forma sistemática polo feito de ser homes? Realmente, os medios e a sociedade en xeral reaccionarían igual? Non, non o creo. Neste caso estamos claramente ante un feminicidio e precisamos que os medios de comunicación – como parte da sociedade que son- se posicionen claramente ao respecto e rexeiten de forma firme este tipo de violencia. Ademais, creo que tamén é importante dar voz ás persoas expertas nesta problemática, para que poidan explicar á cidadanía cales son as causas, como se materializa esta violencia, os diferentes tipos nos cales se manifesta – lembremos que a violencia física, só é unha dos tipos deste tipo de violencias-, os recursos que existen e como se pode axudar ás persoas que se atopan nesta situación. 
 
Entrevista realizada o día 29 de outubro de 2015 en Santiago de Compostela.
 

search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras