Ampliar o abano de fontes de información para tratar o tema da violencia de xénero nos medios de comunicación, unha das propostas da AMX

 
No Día Internacional contra a Violencia de Xénero, A Agrupación de Mulleres Xornalistas, da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC), organizou a xornada de debate AS FONTES DE INFORMACIÓN EN VIOLENCIA DE XÉNERO.
 
O acto, que tivo lugar na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, foi inaugurado pola secretaria de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois.
 
Convidadas á xornada asistiron Marta Rodriguez, da asociación Sí, hai saída a violencia de xénero en Lugo, Pilar Estévez, da Plataforma contra a violencia de xénero e Ana Arellano, como representante de Andaina, revista galega de pensamento feminista.
As representantes das asociacións de axuda ás vítimas de violencia de xénero e superviventes queixáronse do trato que recibe o tema nos medios de comunicación. Rexeitaron que se diga: “morren as mulleres” ou que foron “atopadas mortas”, en lugar de aclarar que son asasinadas.
 
 
Durante a xornada proxectouse o documental “La mujer, cosa de hombres”, de Isabel Coixet e por teleconferencia particiou desde a cidade noruega de Trondheim Jeanette Mauricio, que está a desenvolver no país nórdico unha investigación sobre a opinión masculina respecto a violencia de xénero.
 
Mauricio ofreceu na conferencia un adianto da súa investigación e indicou que tamén en Noruega as mulleres “son atopadas mortas” e as noticias solen reproducir as palabras que utiliza a policía nos atestados, de xeito que alí se fala de “mulleres mortas” e non de “violencia de xénero” para non ferir susceptibilidades. Un punto ó que se pode chegar en España, segundo se puxo de manifesto no debate posterior a esta intervención de Jeanette Mauricio.
 
Desde esta Agrupación de Mulleres Xornalistas enténdese que debe mellorar o tratamento da información sobre violencia de xénero, como demandan as organizacións de apoio ás vítimas de violencia machista e superviventes. Unha das medidas a tomar neste sentido sería ampliar o abano de fontes de información representadas nas noticias. Ó mesmo tempo, considerase que estas fontes de información deben proceder de grupos de recoñecida solvencia xornalística.
 

search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras