Primeira folga feminista

Por Áurea Sánchez, Presidenta da Asociación de Mulleres Xornalistas de Santiago.

Santiago de Compostela 09/03/2017.- Foi un éxito rotundo a folga feminista de onte en todo o mundo, pero especialmente en España e en Galicia.

Por que agora se uniu o feminismo arredor da causa no mesmo día 8 de marzo? Polo movemento "a min tamén me pasou" (me too) e "acabouse o tempo" (time is up) de Estados Unidos e en concreto de Hollywood. Este movemento fixo visible algo que estaba oculto e que moitas mulleres comparten aínda que non o digan porque non poden dicilo. Así o indican as estatísticas. Na vida privada e na pública sofren acoso, violacións, maltrato, humillacións e morren por seren mulleres. Cousas que non lles pasan ós homes.

As razóns da folga en todo o mundo foron a brecha salarial,  acoso sexual, precariedade laboral, reparto nos coidados dos membros da familia, igualdade real, en definitiva.

Quedou claro que o feminismo propugna a paz social, o equilibrio entre homes e mulleres e a igualdade real. Porque as manifestacións foron pacíficas, en orde, sen destruír nada e sen acusar a ninguén máis que o patriarcado das desigualdades e inxustizas que sofren as mulleres.

Moitos homes había na marcha de Santiago que rematou na praza do Obradoiro. Mozos e homes de idade. É de supoñer que son xente concienciada na causa das mulleres. Coma elas, marcharon en silencio, gardando as formas, acompañándoas nas súas reivindicacións. Son homes admirables, sen dúbida.

O feminismo galego, a través da Plataforma Feminista Galega fixo o seu lema: "Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego está en pé", e así se coreo nas distintas marchas. Ás manifestacións e concentracións convocadas acudiu xente que nunca antes se sumara. Algo está pasando, logo.

Desde fóra a prensa e os medios  audiovisuais en xeral destacaron  a folga feminista de España. Desde o mundo académico fálase do "feminismo institucional español". Algo pasa en España que é observado desde outros países e continentes. Porque aquí houbo un caso Ana Orantes, que morreu queimada logo de acudir a un programa de televisión onde dixo que viña sufrindo maltrato no seu matrimonio toda a vida. As chamas do lume que a queimaron prenderon nos medios de comunicación aquel 17 de decembro de 1997 en Granada e manteñen en alerta o mundo do xornalismo. Por iso foron  á folga as presentadoras de programas de televisión das mañás. Por iso, como nunca antes, o feminismo penetrou nos medios de comunicación, que, esta vez si, lideraron a convocatoria do movemento feminista.

Os correspondentes de TVE dixeron onte que en Inglaterra falecen cada semana tres mulleres por violencia de xénero e en Italia dúas a semana, pero estas noticias non son cualificadas como tales, non se dan segregadas por xénero.  Desde Alemaña destacouse que a brecha salarial é das máis altas da Unión Europea. Por diante so están dúas repúblicas da desaparecida Unión Soviética.

Como sempre, cando falamos do feminismo internacional, temos que botar unha mirada cara ós países árabes, onde se observan movementos tímidos do feminismo para acabar cos casamentos de honor, que se resolven co casamento dos violadores coas mulleres violadas. Hai que preguntar como acabar cos matrimonios infantís, e como concienciar ós países que practican a mutilación xenital feminina. Queda moito por facer.

                          


search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras