A CONFERENCIA DE XÉNERO DA FIP CONDENA O ACOSO E A VIOLENCIA CONTRA AS XORNALISTAS NAS REDACCIÓNS

 

Santander 28/05/2017.- A Federación Internacional de Periodistas (FIP) é a maior organización mundial de xornalistas. Representa a 600.000 en todo o mundo de 140 países diferentes. Á reunión celebrada en Santander asistiron 30 representantes de catro continentes. Pola Asociación de Periodistas de Santiago asistiu Áurea Sánchez, presidenta da Agrupación de Mulleres Xornalistas de Santiago e membro da súa directiva.

A Conferencia de Xénero da Federación Internacional de Periodistas (FIP) condena a violencia e o acoso ás xornalistas nas redaccións. Así o probou nunha declaración final da reunión anual de xénero celebrada os días 25 e 26 de maio en Santander.

A denominada "Declaración de Santander"  recorda que, segundo estatísticas da FIP, unha de cada dúas xornalistas sofre acoso sexual, abuso psicolóxico, ciberacoso e outras formas de abusos contra os dereitos humanos.

A brecha salarial é unha realidade en tódolos continentes e afecta ás mulleres non so ó longo da súa vida laboral senón tamén na etapa das xubilacións.

As condicións laborais son cada vez máis precarias. Neste apartado recorda a Declaración que moitas xornalistas traballan sen contrato, polo que carecen de protección social.

As discriminacións que sofren as xornalistas nos diferentes países inclúen aspectos como o racismo, factores políticos, legais, culturais e sociais.

A Conferencia agradece as accións colectivas que levan a cabo os sindicatos e asociacións de xornalistas nos lugares de traballo, pero especialmente chama a atención sobre as mobilizacións levadas a cabo o 8 de marzo pasado, "especialmente en España", remata así o apartado de condenas da Declaración.

En canto as demandas, pide leis estritas sobre igualdade salarial e dereitos exixibles, acabar co teito de cristal e que os Estados desenvolvan medidas eficaces para facer cumprir as leis sobre violencia de xénero en todas as súas formas.

A Declaración de Santander pide a FIP que siga promovendo a perspectiva de xénero en tódalas actividades e proxectos e que garante a participación das mulleres. Deste xeito, quere que haxa recursos suficientes para as actividades que desenvolve  o Consello de Xénero da FIP.

Entre os compromisos adquiridos na propia Declaración, resaltar o da formación para sensibilizar ás xornalistas sobre os dereitos que teñen, incrementar o número de mulleres nos órganos de representación das redaccións, incluídas as posicións de liderado.

Finalmente comprometese o Consello de Xénero da FIP nesta Declaración de Santander a levar a cabo máis investigacións sobre as condicións laborais y as representacións de xénero.

A esta conferencia sectorial de xénero asistiu a presidenta da Agrupación de Mulleres Xornalistas da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC), Áurea Sánchez, quen interveu en dúas das sesións celebradas en Santander. Por un lado participou no panel "Violencia de xénero, acoso nas redaccións e tratamento nas noticias". Neste apartado leu unha ponencia da que é autora titulada "Tratamiento de la violencia y la igualdad de género en las noticias", baseada nun resume dos apartados "analise" e "conclusións" da súa tese doutoral Transcendencia y repercusión en la información periodística de las leyes de igualdad y violencia de género, lida na Universidade Complutense no ano 2015.

Por outro lado, Áurea Sánchez tamén interveu  no panel "Mujeres en las asociaciones y sindicatos de periodistas". Xunto á catalana Teresa Carreras, e a castelá-leonesa Ana Gaitero. Neste apartado deu conta da participación da Agrupación de Mulleres Xornalistas da APSC no nacemento de Alianza Global sobre Medios de Comunicación e Xénero (GAMAG) na sede da UNESCO en Xenebra, acontecemento que tivo lugar en decembro de 2015.

 

 


search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras