Baldomero Cores, mestre de xornalistas.

HOMENAXE A BALDOMERO CORES

Un mestre de xornalistas

Por Luis Menéndez, presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela.

 

 

 

 

 

 

 

A Noiteboa non foi nada boa para os xornalistas. Que mal día. Recibimos a mala nova do pasamento de Baldomero, socio de Honra e directivo da Asociación de Prensa de Santiago desde hai moitos anos. Baldomero Cores Trasmonte era, para a meirande parte dos xornalistas composteláns que levamos xa un tempo traballando nesta cidade, un referente pedagóxico, un compañeiro portador sempre de bos consellos, un fino e pertinaz investigador sobre asuntos claves relacionados co devir de Galicia.  A verdade é que a Baldomero Cores Trasmonte o identificaramos ao principio máis co mundo dos asuntos xurídicos que co do xornalismo. Isa era a súa laboura nos anos oitenta como primeiro letrado do Parlamento de Galicia,  autor de numerosas publicacións e estudos claves para o d­esenvolmento da autonomía, como foi a Lei de Símbolos, ou estudo sobre o Estatuto do 81. Por certo,  máis tarde, publicaría unha interesante obra sobre o Estatuto galego do 36 e sobre a figura  de   Enrique Rajoy Leloup, un dos seus inspiradores, avó do actual presidente do Goberno de España. Estou vendo a Baldomero sentado na mesa do parlamento, baixo o artesonado de Fonseca, ao carón do presidente Rosón, do vicepresidente González Amadiós, de Pérez Vidal... Pero a Baldomero xa moitos xornalistas o coñeciamos de cando daba aulas da asignatura de Pensamento Político na facultade, en Madrid. Como tamén impartira na Universidade de Porto Rico como catedrático de Socioloxía.

A súa faciana profesoral sempre foi un contrapunto a tanta superficialidade como existiu –e existe aínda moito máis hoxe– no mundo do xornalismo onde todo é rápido, maiormente carente de reflexión e contraste. Que magnífico traballo biográfico fixo sobre a vida e obra de Alfredo Vicenti, xornalista compostelán de raza e trascendencia histórica!

Telo entre nós, nestes últimos dez anos na directiva da nosa Asociación de Periodistas de Santiago non so foi un luxo, un prestixio, un signo de calidade, senón tamén foi o reencontro cun veterano compañeiro polo que todos sentiamos moito aprezo. As súas cualidades profesionais e humanas foron moi salientadas tamén para os novos/as directivos/as quenes, ubicados nos estadios de idades máis novas, vían en Baldomero Cores unha referencia a seguir. Porque foi un mestre de xornalistas, discreto e erudito. Descanse en paz.

Homenaxe a Baldomero Cores. Por Luis Menéndez, en El Correo Gallego.


search
Copyright ©2019 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras