A APSC celebra a súa asemblea anual, conmemorando o 70 aniversario da entidade

 

Coa asistencia de 27 socios tivo lugar, o pasado día 18 de decembro, a asemblea ordinaria anual da APSC, nos locais da Fundación Granell na praza do Toural. Nesta ocasión, a directiva destacou que por estas datas naceu, hai 70 anos, a Asociación da Prensa de Santiago de Compostela, adscrita desde os seus inicios a FAPE. O actual presidente, Luís Menéndez, leu a acta fundacional da APSC, datada no 5 de decembro de 1945. 
 
A xunta directiva, co apoio da asemblea, decidiu que durante os actos a celebrar durante 2016 se lembre o septuaxésimo aniversario da asociación dos xornalistas composteláns. Logo da lectura e aprobación da acta anterior, por parte da secretaria Rebeca Munín, tivo lugar o estado de contas, que relatou a tesoureira Carme Prado, no que se especificaron as distintas partidas de ingresos e gastos durante o ano 2015, tendo a APSC a data de 14/12/2015 un superávit de 4.332,98 €. 
 
A continuación, o presidente lembrou aos xornalistas vinculados a Santiago e á asociación local que morreron este ano, como Xosé Luis Alvite, Juan Ramón Díez, Alejandro Armesto, Nacho Mirás e Xosé Fernández Ferreiro, tamén houbo unha lembranza especial para Baldomero Cores, do que a APSC está a reivindicar unha rúa en Compostela. 
 
 
Despois, resumiu as actividades realizadas no ano que está a rematar, como os informes sobre a información nos casos Angrois e Asunta, as reivindicacións da lingua galega na prensa, os cursos de formación, a convocatoria de premios para mozos xornalistas, a solidariedade cos xornalistas mortos ou secuestrados no mundo e novas e distintas avantaxes e descontos para os socios. 
 
Especial mención houbo para a progresiva incorporación da APSC na vida local, como a participación no Foro Cívico Compostelán, xunto a outras asociacións profesionais, e na Comisión de Transparencia, da que leu un detallado informe o vicepresidente Xosé Francisco Rodil.  
 
Pola súa parte, Áurea Sánchez, presidenta da Agrupación de Mulleres Xornalistas da APSC, informou á asemblea dos resultados da enquisa sobre igualdade e violencia de xénero feita a socios e socias da Asociación. Recordou que para o 8 de marzo está convocado o primeiro Premio Xornalístico á Igualdade de Xénero, sen dotación económica, que convoca a Asociación de Periodistas de Santiago, a través da Agrupación. Deu conta  da xornada sobre as fontes de información en violencia de xénero, levada a cabo o 25 de novembro en Santiago e informou sobre as reunións en Xenebra da Alianza Global para os Medios de Comunicación e o Xénero, que promove a UNESCO para acadar a igualdade no ano 2030.
 
Finalmente, anticipouse que como acto central para a semana do Patrón, a APSC organizará o vindeiro 18 de xaneiro unha xornada de estudo sobre os medios públicos en Europa, para a que xa confirmaron a súa presenza dous xornalistas especializados nesta materia no eido europeo, como o francés Patrick Kamenka e o español Francisco Audije. 
 
Tras varios debates no capítulo de rogos e preguntas, os socios gozaron, no Lucernario da Fundación Granell, dunha apetitosa cea-cóctel, regada con viño da Ribeira Sacra, que os asistentes degoiraron con pracer nun ambiente de franca camaradería.
 

search
Copyright ©2019 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras