MANIFESTO DA FAPE/APSC NO DÍA DA LIBERDADE DE PRENSA

Haberá quenes consideren que o "Día Mundial da Liberdade de Prensa", 3 de maio, non é máis ca un tópico, unha conmemoración que se limita a cumprir un trámite de carácter xeral co fin de contentar a todos os profesionais do xornalismo. Pero en realidade é outra, moito máis ampla. Nacións Unidas acordou en 1993 proclamar a xornada do 3 de maio como a data na que se realizara a imprescindible necesidade dunha prensa libre en todo o mundo. Non cabe reducir este "Día" a determinadas reivindicacións de quenes desenvolven as tarefas informativas porque é a sociedade enteira a que está involucrada neste exercizo e defensa dunha liberdade que é garantía imprescindible dun réxime democrático. Nada mellor que medir esta liberdade para saber o grao de democracia dun país. 

A APSC, Asociación de Periodistas de Santiago, e a FAPE (Federación de Asociaciones de Periodistas de España), queren facer hoxe unha expresa chamada de atención non só aos xornalistas, senón tamén ás institucións, poderes e responsables das decisións políticas e laborais para que defendan en todos os casos esta liberdade, sabendo superar contratempos persoais, empresariais ou partidistas. A sociedade ten dereito a esta liberdade. Que non é un agasallo que haxa que agradecer a este ou aqueloutro grupo, empresa ou centro de poder, xa sexa público ou privado. 

Mal o está a pasar a profesión xornalística e non sobra recordalo neste "Día": Contratos de traballo humillantes redución brutal de persoal, "eres" inxustificados, intrusismo crecente, perdas progresivas de empregos, desconcerto por a irrupción dos formatos dixitais, editores que abusan, peche de medios... E como símbolo de ata onde pode chegar a ausencia de liberdade, no seu punto máis vil, non podemos esquecer a traxedia dos nosos tres compañeiros, os reporteiros secuestrados en lugares de conflito. 

Motivo de optimismo é a significativa aparición de emprendedores xornalistas que inician novos proxectos con moi escasas posibilidades económicas e que precisan máis apoios. 

Ante tal situación, a APSC e a FAPE volve facer este chamamento en prol da liberdade de prensa, ao mesmo tempo que recoñece e estimula o esforzo de tantos compañeiros que non decaen en manterse firmes na súa dignidade profesional aínda que a incertidume laboral sexa moi pouco alentadora. Na esperanza, sempre. 

 

 

 

                                                                                                                                                                                                                                                                                                      Maio 2016


search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras