“BOROBÓ” FOI LEMBRADO NA SÚA VILA NATAL COMO MESTRE INESQUECIBLE DO XORNALISMO GALEGO CONTEMPORÁNEO

*Unha edición especial do diario vespertino “La Noche”, editada pola Asociación de Periodistas de Santiago, saíu a luz na efeméride do ilustre xornalista.

Pontecesures, 28.08.2016.-A vida e obra de Raimundo García Domínguez, “Borobó” (1916-2003) foron recordadas nunha emotiva homenaxe pública organizada pola Asociación de Periodistas de Santiago (APSC) celebrada hoxe na casa onde viviu, actual Hotel de Río (Antiga casa Lozano), nas súa vila natal, Pontecesures (Pontevedra). Ao acto asistiron profesionais do xornalismo galego, así como veciños, familiares e amigos do que fora director de “El Correo Gallego” e “La Noche”, que foi catalogado unánimemente como “mestre inesquecible do xornalismo galego contemporáneo”.

A celebración, que coincide co centenario do seu nacemento e seu décimo terceiro cabodano, se desenvolveu na casa onde vivíu e tivo como un dos momentos salientables a distribución dunha edición especial de “La Noche” ,editada pola APSC, na se que inclúen diversas colaboracións así como unha escolma dos seus máis prezados “Anacos”, subliñadamente o publicado en 1950, poucos días despois da morte de Castelao en Bós Aires. Destácase tamén a súa polifacética e numerosísima obra en ducias de publicacións da época e na avangarda literaria de entón.

"Gravación do acto da APSC na homenaxe a Borobó en Pontecesures"

No panel da mesa redonda, moderada polo presidente da APSC

Luís Menéndez, participaron o xornalista Benxamín Vázquez; o escritor, catedrático e compoñente da “Xeración de La Noche” Gonzalo R. Mourullo; o debuxante, presidente do Club de Prensa de Ferrol e discípulo de Borobó, Siro López; e o xornalista e fillo de Borobó, Raimundo García. Todos eles, aportaron numerosas e mesmo inéditas testemuñas e anécdotas do seu trancorrir profesional e humano nos difíciles tempos da dictadura nos que “Borobó” demostrou unha especialísima intelixencia para sortear a censura. Foi posto como exemplo tamén do bó quefacer profesional e por ser propiciador da chamada “Xeración La Noche” onde grande parte da intelectualidade galega perseguida atopou en “Borobó” un excepcional “guieiro de cultura e liberdade nos tempos escuros”.

Lectura de textos, a difusión dunha entrevista e un animado coloquio complementaron o acto. Finalmente descubriuse unha praca conmemorativa na casa onde vivíu, trala interpretación do Himno Galego polo grupo local “Xarandaina”.

 

 

 


search
Copyright ©2018 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras