A Asociación Mundial de Mulleres Xornalistas e Escritoras (AMMPE) celebra en Londres o XXIII congreso "Por un relato completo " é o lema do encontro

 

 

A capital británica acolle por primeira vez o congreso de xornalistas e escritoras cando se cumpre o centenario do movemento sufraxista.

A Asociación Mundial de Mulleres Xornalistas e Escritoras, coñecida polas siglas en español AMMPE, aposta por un xornalismo con perspectiva de xénero porque entende que se está nun momento sen precedentes do movemento feminista. Para isto chama a facer relatos completos con voces variadas. Diversificación de autores e autoras, diversificación de relatos e mellor informados, di a organización do congreso, que se celebra entre os días 6 e 9 de novembro na cidade de Londres.

A Asociación Mundial de Mulleres Xornalistas e Escritoras (AMMPE) foi creada en México no ano 1969 pola escritora e xornalista Gloria Salas de Calderón, que reuniu a profesionais de 37 países. Ao último congreso, celebrado en Santiago de Chile no ano 2016, asistiron 700 mulleres. Á apertura do mesmo asistiu a presidenta daquel momento, Michelle Bachelet.

Sarah Gibson, xornalista británica que traballou na BBC e outros medios de comunicación, é a presidenta deste congreso na súa XXIII edición. Colaboran na organización do encontro Patricia Mayorga, corresponsal en Italia do diario chileno El Mercurio, e  Teresa Carreras, xornalista catalana, coordenadora en España da Alianza Global polos Medios de Comunicación e o Xénero (GAMAG). Estas dúas últimas son as vicepresidentas do congreso.

No programa figuran temas a debater como diversificación dos relatos xornalísticos, que deberán  marcar unha diferencia de cara ó futuro; cambio de obxectivos e desafío do xornalismo desde lugares de conflito, así como vellos medios de comunicación para unha xuventude na época das novas tecnoloxías e, finalmente, abordarase a formación de xornalistas.


search
Copyright ©2019 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras