OS XORNALISTAS DE SANTIAGO LEMBRARON A AUGUSTO ASSÍA DESTACANDO A SÚA INTERNACIONALIDADE E CAPACIDADE DE INFLUENCIA POLíTICA E SOCIAL

Singular cronista do século XX, cubriu informativamente a II Guerra Mundial e os procesos de Nüremberg e influíu decisivamente na conformación da Autonomía de Galicia
 
                             
 
Xanceda (Mesía) 16.11.2019.- Dentro do ciclo “Rescate da memoria e ensinanza dos grandes xornalistas galegos”, a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), en colaboración co Ateneo e o Conservatorio de Música, organizou unha xornada cultural dedicada a Felipe Fernández-Armesto (1904-2002) máis coñecido como Augusto Assía na que fora a súa derradeira morada, á hoxe coñecida como eco-granxa agropecuaria Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía, rexentada polos seus netos.
No acto falaron os catedráticos da USC Manuel Sánchez Salorio e Roberto Blanco Valdés, ámbolos dous moi vencellados ao homenaxeado e quens salferiron a charla con numerosas anécdotas da súa rica biografía, ó delegado de “La Vanguardia” en Galicia Anxo Lugilde, periódico para o que traballou Augusto Assía durante 58 anos, e o seu fillo Juan Fernández Armesto quen lembrou tamén a súa nai  Mª Victoria Fernández España, tamén xornalista e política, falecida en 1999. Tamén asistiu o bispo de Tui-Vigo Luis Quinteiro Fiuza, con quen tiña fortes azos de amizade.
Segundo ilustraron os conferenciantes, Augusto Assía, que ao parecer tomou o pseudónimo dun viaxeiro italiano dos tempos de Marco Polo, foi unha testemuña excepcional dos grandes acontecementos mundiais do século XX, tanto a nivel internacional, -xa que foi enviado especial na II Guerra Mundial e mesmo cubriu para o diario catalán os xuízos de Nüremberg ao rexime nazi,- como a nivel español e galego onde foi peza esencial no comezo da autonomía de Galicia. Xornalista, escritor, analista político, foi un referente extraordinario –non exento de polémicas-  da historia contemporánea con cantos aínda por descubrir. Desde outros diarios como ”El Pueblo Gallego” e, subliñadamente, “La Voz de Galicia”, a escrita de Augusto Assía foi sempre motivo de conversa e discusión. Nado na Mezquita, unha moi remota bisbarra do surleste ourensán daquela, onde seu pai exercera como farmacéutico, Felipe Fernández Armesto viviu en Londres, Berlín, Nova York ou Madrid entre outras localidades. Entre os seus logros profesionais sempre se destacou a entrevista que lle fixera ao emperador do Xapón, Hiro Hito, a pouco da rendición nipona. Pero tamén saíu a relocir, por contraste, a súa temperá obra escrita en galego no ano 1924 “Xelo, o salvaxe”.
Co destaque da semblanza de Augusto Assía a APSC continúa co ciclo de recordo as grandes figuras do xornalismo galego coma xa se fixera hai dous anos con Raimundo García Dominguez, “Borobó”, director de “La Noche” e “El Correo Gallego” e Pedro de Llano “Bocelo”, o pasado ano, outra figura extraordinaria da prensa galega e director de “La Voz de Galicia”, “El Ideal Gallego” e “El Progreso”, de Lugo.
 
                                   
 

search
Copyright ©2019 periodistascompostela.gal - Design by www.zanwenga.com
f t g m

Reporteros sin fronteras