O CiPG acollerá a presentación do libro ‘A miña irmá Antonia’, unha ficción de Ramón del Valle-Inclán, publicada en versións galega e facsímile
Santiago de Compostela, 29-11-2022.- O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG) acollerá o vindeiro xoves, 1 de decembro, ás 19.30 horas, a presentación do libro ‘A miña irmá Antonia’, de Ramón María del Valle-Inclán, que se ofrece agora en galego e en versión facsímile. A xornada, na que estará presente o neto do ilustre escritor, Xaquín Valle-Inclán, e o director do Museo adicado ao literato, Antonio González Millán, correrá a cargo do equipo que lle deu vida a este proxecto editorial, promovido polo Foro Galicia e Valle-Inclán e patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que estará representada no acto polo seu principal responsable, Valentín García.
Durante o transcurso da presentación no CiPG, ubicado no número 9 da Rúa Nova compostelá, ofrecerase unha escolma dramatizada do texto, por parte do actor Roberto Leal e da actriz Gloria Rico. Ao remate, servirase un viño galego de cortesía.
‘A miña irmá Antonia’, relato publicado en 1909, é un dos contos breves para adultos máis depurados do escritor galego. É unha obra de misterio que se desenvolve en escenarios característicos da cidade monumental de Compostela, “agora modernamente recreada e ilustrada”, en palabras dos co-impulsores da iniciativa editorial, entre os que se atopa o Concello da Pobra do Caramiñal e o Museo Valle-Inclán.