O CiPG deu as claves para beneficiarse das axudas para a dixitalización de empresas e autónomos
Cada vez máis xornalistas son autónomos e pertencen a un dos sectores que máis se poden acoller ás subvencións que dá o Goberno, con fondos europeos. Faltan poucos meses para que rematen os prazos para solicitalas e a APSC conta cun convenio con Vega Consultores para facer os trámites.
Santiago de Compostela, 9-2-2023.- O director corporativo do Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG), Pastor Lorenzo, e a vicepresidenta da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC), Xulia Campos, presentaron unha liña de axudas para autónomos e pequenas empresas da que se poden beneficiar os xornalistas. En virtude dun convenio suscrito entre o colectivo e Vega Consultores, asociados e non asociados poden informarse das subvencións que permitirán dixitalizar, de balde, as súas actividades profesionais. O consultor Alfonso Rodríguez deu as claves para aproveitar esta oportunidade única, “que dificilmente se vai repetir na historia”.
O Goberno de España recibiu 140.000 millóns de fondos europeos para destinar a dous eixos fundamentais: para invertir en enerxías renovables e para dixitalización a través do coñecido como ‘kit dixital’. Neste último caso, son 3.000 millóns de euros os que se prevé entregar a pymes e autónomos entre este ano e o que vén. “A dixitalización vén para quedarse; se un autónomo non se dixitaliza, pode quedarse fóra do mercado”, sinalou Alfonso Rodríguez, co que os interesados poden contactar en info@vegaconsultores.es e tamén no teléfono 881.55.48.28, ademais de na web, vegaconsultores.es.
“É unha axuda moi interesante porque se subvenciona o 100%, é dicir, o beneficiario non ten que pagar nada”, matizou Rodríguez. Hai tres tipos de beneficiarios: as empresas de entre 10 e 49 empregados, que poden recibir 12.000 euros de axudas, neste caso o prazo para solicitar a axuda remata o 15 de marzo deste ano. En segundo lugar, aqueles que teñan entre tres e dez empregados, que percibirán un bono de 6.000 euros e cuxo prazo remata o 2 de setembro e por último, aqueles negocios ou autónomos de entre cero e dous empregados, que se beneficiarán de 2.000 euros; neste caso, o prazo para pedir a subvención finaliza o 15 de outubro. Neste último tramo atópanse a meirande parte dos autónomos do xornalismo.
Os beneficiarios teñen que facer un test de diagnóstico, despois a solicitude e a escolla dos proveedores ou axentes de dixitalización homologados, como Vega Consultores, que axuda en todo o proceso sen custe algún. “O beneficiario recibe un bono, non directamente os cartos. O bono asígnaselle a un proveedor e a Administración paga ese proveedor”, explica Rodríguez.
Os beneficiarios teñen que cumprir cos requisitos de ter unha antigüidade laboral de seis meses, non estar en crise e estar o corrente dos pagos coas administracións.
QUÉ FACER CO KIT DIXITAL
Que servizos se subvencionan co kit dixital: sitio web e presencia en internet, comercio electrónico ou tenda en liña, a xestión de redes sociais durante un ano, xestión de clientes ou software CRM, intelixencia empresarial e analítica (KPI), servizos e ferramentas de oficina virtual, xestión de procesos, facturas electrónicas (tendo en conta que en dous anos será obrigatorio facturar a través dun arquivo específico), as comunicacións seguras, a ciberseguridade, o marketplace ou a venda de produtos en Amazon e noutras plataformas e o posicionamento web avanzado nos buscadores.
Vega Consultores, con preto de 700 clientes e case mil trámites de axudas públicas efectuadas, conta cun convenio suscrito coa APSC para axudar aos asociados a beneficiarse destas axudas únicas. Rodríguez lle recomenda aos xornalistas aproveitar o kit dixital de xeito que podan partir dunha solución CRM para xestionar as bases de datos dos seus clientes e contactos, ademais de acollerse as axudas para dixitalizarse coa factura electrónica, os procesos de venda e os proxectos de colaboración mediante ferramentas que integren calendarios ou videoconferencias. “A maiores, para quen non teña, faríaselles a páxina web, un blog, a automatización das redes sociais e tamén o mail márketing”, matizou o experto.