Os candidatos do PSdeG, PP, Compostela Aberta e BNG danse cita no Centro Internacional de Prensa de Galicia para debater sobre os seus proxectos de cidade

Este sábado, 20 de maio, tivo lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia un debate cos candidatos á Alcaldía das eleccións municipais de Santiago de Compostela Xosé A. Sánchez Bugallo, do PSdeG; Borja Verea, do PP, María Rozas, de Compostela Aberta, e Goretti Sanmartín, do BNG. Os asuntos principais debatidos foton o urbanismo e a vivenda, o transporte e a mobilidade, a economía da cidade, o turismo e comercio e a capitalidade e proxección exterior.

Durante a primeira quenda de intervencións, os candidatos presentaron as principais liñas dos seus programas. O actual rexedor, Sánchez Bugallo propuxo loitar por unha “cidade de encontro e consenso”, na que existan “solucións prácticas aos problemas”.

A candidata de Compostela Aberta, María Rozas, propuxo a aposta polo comercio local e áxil. Para iso fala de liberalizar o acceso a baixos comerciais. Goretti Sanmartín, cabeza de lista polo BNG, reclamou, pola súa parte, un maior compromiso co financiamento da marca de Compostela como capital galega.

O candidato popular, Borja Verea, pola súa parte, resumiu o seu programa catro grandes propostas: o derribo da Casa da Xuventude; un Paseo de Galicia, peonalizando dende a Senra ata a rúa de Xoán Carlos I; flexibilizar a normativa do Casco Histórico e máis aparcadoiros no centro da cidade.

O asunto do debate con máis discrepancias entre os asistentes foi o do turismo, como as taxas turísticas ou os pisos turísticos, habendo posicións moi diferentes entre os candidatos. O PP non ve a cantidade actual de pisos turísticos na cidade como un problema, ao contrario que o PSOE, Compostela Aberta e o Bloque Nacionalista Galego, que prometen intentar regulalos e esixen á Xunta de Galicia unha lei para estes pisos turísticos.

Deixa unha resposta