Os galegos xa poden ler na súa lingua un clásico universal, ‘Crónica dunha morte anunciada’, de Gabriel García Márquez, grazas á unha tradución que acaba de ver a luz

A obra, da editorial Medulia, foi presentada no Centro Internacional de Prensa de Galicia

Santiago, 1-2-2023.- Os galegos xa poden ler, na súa lingua, un dos clásicos da literatura universal ‘Crónica dunha morte anunciada’, de Gabriel García Márquez, grazas á unha tradución que acaba de ser presentada no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG). No acto estiveron presentes, entre outros, os tradutores, María Rey e Amancio Liñares; a representante da editorial Medulia, Diana Varela; o crítico literario Armando Requeixo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Asociación de Periodistas de Santiago (entidade que xestiona o CiPG), Luís Menéndez.

Menéndez comezou lembrando a visita de ‘Gabo’ a Compostela en 1983, visita que lle valeu ao autor para buscar aos seus devanceiros e lembrar á súa avoa galega, Tranquilina Iguarán Cotes. Daquela estancia, escribira Márquez que Santiago era “una ciudad viva, tomada por una muchedumbre de estudiantes alegres y bulliciosos”.

Requeixo expresou o seu desexo de que “a medio prazo nos merecemos ler a Cervantes, Quevedo, Bécquer… tamén en galego. Se queremos que a nosa cultura sexa forte, universal, débese poder ler os clásicos de todos os tempos na nosa lingua, en galego, por iso é unha tradución oportuna”. Subliñou tamén a idoneidade de elixir a Márquez, pola súa ascendencia galega, e tamén a obra seleccionada que “xa saíu en tiradas de 1,5 millóns de exemplares” en 1981. Supón, segundo dixo o crítico literario, “un libro que marcou un antes e un despois na historia da literatura mundial, por exemplo, no tocante á técnica literaria”. Non deixou pasar o académico o feito de que a publicación fora presentada nun centro de prensa, xa que Márquez era xornalista e o título fai referencia a unha crónica.

Tras unha lectura dun parágrafo da obra, a cargo da tradutora Fe González, a representante da editorial Medulia destacou que é “un motivo de celebración ver publicado, por primeira vez na nosa lingua, unha das obras máis importantes da literatura universal”, ademais de precisar que “como xornalista que era o autor, seguro que estaría feliz de estar entre colegas da súa profesión”.

Olalla Liñares amenizando o evento co seu clarinete.
A tradutora Fe González lendo un parágrafo da obra traducida.

O secretario xeral de Política Lingüística entre o público antes de comezar o evento.

Deixa unha resposta