Recoñecemento a Sofía Casanova no Centro Internacional de Prensa de Galicia
A xornada contou cunha conferencia, un debate e a proxección dun filme
A transcendencia xornalística de Sofía Casanova, cronista da historia do século XX nacida na Coruña, foi recoñecida este xoves no Centro Internacional de Prensa de Galicia. Unha conferencia, impartida por Rosario Martínez, biógrafa de Sofía, puxo en contexto a súa labor como xornalista, poeta e escritora social.
A xornada continuou cun coloquio sobre a vida máis persoal desta xornalista, moi descoñecida en España. Nel participaron María Filipówich-Rudek, investigadora da Universidade de Cracovia, en videoconferencia dende Polonia; Joanna Kujawinska, descendente de Sofía Casanova; Eila Rodríguez Rodríguez, doutoranda sobre a obra xornalística de Casanova, e a propia Rosario Martínez.
“A figura de Sofía non esmorece e segue inspirando a investigadores, xornalistas, historiadores, cineastas e mesmo a feministas”, dixo María Filipówich, quen relatou tamén que en Polonia Sofía é unha muller moi recoñecida. De feito, o Centro de Estudos Polaco-españois chámase Sofía Casanova.
Pola súa banda, Joanna, a tataraneta de Sofía, resaltou que a súa familia “segue descubrindo facetas interesantes da súa parente grazas aos estudos de Rosario en Galicia e de Filipówich en Polonia”.
Para finalizar, Eila afirmou que “a calidade como xornalista de Sofía e a súa maneira de expresarse poden impresionar moito as novas xeracións”.
Despois do coloquio proxectouse o filme A outra Galicia, de Marcos Gallego, realizado entre os anos 2001 e 2004, que fai un percorrido pola vida de Casanova dende que en 1899 esta intelectual galego foi vivir a Cracovia, rexión hoxe divida entre Ucraína e Polonia.