A APSC participa na homenaxe a Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño no Pazo de Raxoi
A directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela estivo presente no acto institucional celebrado no 90 aniversario dos seus asasinatos, que puxo o foco no papel de ambos na construción dunha cultura editorial galega moderna
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) participou este mércores no acto institucional de homenaxe e lembranza de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño celebrado no Pazo de Raxoi, coincidindo co 90 aniversario dos seus asasinatos. Membros da directiva da APSC estiveron presentes na conmemoración, que serviu para recuperar a dimensión política e cultural de ambas as figuras, pero tamén para reivindicar especialmente o seu papel no desenvolvemento da edición, a imprenta, o deseño gráfico e a difusión da cultura galega durante as primeiras décadas do século XX.
O acto contou coas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do deseñador e Premio da Cultura Galega Pepe Barro; e do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, ademais da presenza de representantes institucionais, familiares, asociacións e colectivos vinculados á recuperación da memoria histórica.
A relación entre Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño ocupou unha parte central da sesión. As súas traxectorias confluíron arredor dun mesmo obxectivo: crear os instrumentos necesarios para que a lingua, a literatura e o pensamento galegos chegasen a un público cada vez máis amplo. Fixérono desde ámbitos complementarios. Casal desde a edición e a imprenta, e Díaz Baliño desde a ilustración, o deseño e a creación dunha identidade visual propia para os novos proxectos editoriais galegos.

‘Lar’, unha aposta polo libro galego accesible
Pepe Barro dedicou boa parte da súa intervención a reconstruír esta historia editorial. Un dos seus primeiros fitos chegou en 1924 coa creación da editorial ‘Lar’, promovida na Coruña por Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos.
O proxecto conseguiu publicar arredor de 40 obras en catro anos, todas elas en galego, dentro dun modelo de pequenas edicións populares que buscaba facilitar o acceso á lectura. Os volumes vendíanse por 30 céntimos de peseta, un prezo deliberadamente reducido nun momento no que editar en galego continuaba sendo unha actividade con importantes dificultades económicas.
Camilo Díaz Baliño foi o responsable da identidade gráfica de ‘Lar’. A súa obra contribuíu a dotar aquela colección dunha linguaxe visual recoñecible e vinculada aos referentes culturais do galeguismo. Entre os motivos empregados destacou a anta ou trilito, convertida nun dos símbolos gráficos dunha xeración que procuraba conectar tradición, modernidade e identidade propia.
A colaboración entre editores, escritores e artistas foi unha das características daquela etapa. A edición do libro deixaba de ser unicamente un proceso de impresión para converterse tamén nunha ferramenta de intervención cultural.
Ánxel Casal e a imprenta ‘Nós’
En 1927, Casal iniciou unha nova etapa coa posta en marcha da súa propia empresa editorial e imprenta, ‘Nós’, un proxecto fundamental para entender a evolución do libro galego no período anterior a 1936.
Desde un obradoiro con medios técnicos modestos, Casal converteuse no impresor e editor dalgunhas das obras máis relevantes da literatura galega do momento. Das súas máquinas saíron títulos de Castelao, Manuel Antonio, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Amado Carballo e outros autores que estaban a construír unha literatura moderna en lingua galega.
Barro recuperou durante o acto unha frase que Castelao lle dirixiu a Casal tras comprobar o resultado dunha das súas publicacións: “Moi ben, rapaz, xa somos xente”.
A expresión resume unha parte do significado que a edición tiña para aquela xeración. O libro era ao mesmo tempo un vehículo literario, unha ferramenta de normalización lingüística e unha maneira de crear unha estrutura cultural propia.
O propio Casal deixaría tamén formulada esa idea en numerosos espazos das súas publicacións cunha mensaxe lembrada este mércores por Pepe Barro: “Os pobos son grandes só pola cultura. Mercade libros galegos”.
Compostela, o Seminario de Estudos Galegos e unha nova etapa
A actividade editorial de Casal trasladouse a Santiago de Compostela en 1931, onde a colaboración co Seminario de Estudos Galegos lle permitiu dar continuidade á imprenta e afrontar proxectos de maior envergadura.
O obradoiro de Casal encargouse de numerosas publicacións do Seminario, que chegou a promover arredor de 150 traballos. Entre eles figura ‘Terra de Melide’, publicada en 1933, unha obra de preto de 700 páxinas dedicada ao estudo histórico, arqueolóxico, etnográfico e xeográfico daquela comarca.
O traballo de Casal ía moito máis alá da impresión. Segundo lembrou Barro, asumía tarefas de administración, organización do negocio, distribución, corrección de probas e procura de novos materiais, nun contexto no que a viabilidade económica dos proxectos culturais en galego era constantemente precaria.
Tamén foi decisiva nesta actividade María Miramontes, compañeira de Casal e integrante do movemento galeguista, que colaborou e apoiou economicamente diferentes proxectos editoriais. “María sempre de par de Ánxel, Ánxel sempre de par de María”, resumiu Pepe Barro durante a súa intervención.
En 1936 traballaban na imprenta con Casal Manuel Piñeiro, Xesús Fuentes San Miguel, Antonio Francés, José Mosquera e Luís Valle, nomes que tamén foron lembrados no acto.
A edición dos ‘Seis poemas galegos’ de Lorca
Un dos episodios máis coñecidos da historia da imprenta compostelá de Casal foi a publicación, en 1935, dos ‘Seis poemas galegos’ de Federico García Lorca.
A obra, editada na rúa do Vilar, constitúe un dos exemplos máis singulares da capacidade da estrutura editorial galega da época para establecer relacións con autores de fóra do país e proxectar a lingua galega máis alá do seu propio sistema literario.
Barro lembrou durante a homenaxe o verso “Chove en Santiago, meu doce amor”, pertencente á obra de Lorca, e a relación do poeta coa cidade, con Rosalía de Castro e coa lingua galega.
O escritor granadino sería asasinado na madrugada do 17 de agosto de 1936, apenas dous días antes de que Ánxel Casal correse a mesma sorte.
Díaz Baliño, entre o libro, o cartel e a identidade gráfica
A homenaxe permitiu recuperar tamén a dimensión profesional de Camilo Díaz Baliño, artista que desenvolveu unha parte importante da súa carreira en Compostela e que desde 1920 mantivo unha estreita vinculación coa cidade.
Díaz Baliño traballou como delineante do Concello de Santiago, aínda que na práctica desenvolveu unha actividade moito máis ampla no ámbito artístico. Foi autor de numerosos carteis para festas e eventos municipais e participou activamente na creación da iconografía visual asociada ao galeguismo cultural.
O seu traballo editorial non se limitou a acompañar textos. As cubertas, ilustracións, composicións tipográficas e símbolos que deseñou contribuíron a configurar unha estética propia para a produción cultural galega.
A súa influencia prolongaríase posteriormente a través do seu fillo, Isaac Díaz Pardo, que recuperou algúns daqueles elementos gráficos e mantivo unha concepción da creación estreitamente vinculada á memoria, á industria cultural e á identidade galega.
Da cultura á acción política
A actividade editorial de Casal desenvolveuse paralelamente ao seu compromiso político. Participou no galeguismo republicano, colaborou en publicacións políticas e acabou sendo elixido alcalde de Santiago en febreiro de 1936, tras a vitoria electoral da Fronte Popular.
Durante os poucos meses que permaneceu á fronte do Concello impulsou medidas relacionadas tamén coa cultura e coa lingua, entre elas a adquisición de libros galegos para as escolas municipais, a restitución de topónimos tradicionais nas rúas e o apoio ao proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Poucos días antes do golpe de Estado de xullo de 1936 participou, como vicepresidente do Comité pro Estatuto, na delegación que levou a Madrid a documentación do plebiscito autonómico galego.
Tras o levantamento militar foi apartado da Alcaldía, detido o 4 de agosto e encarcerado na Falcona, nas dependencias situadas nos baixos do propio Pazo de Raxoi. Foi asasinado o 19 de agosto de 1936, con só 41 anos.
Camilo Díaz Baliño tamén pasou pola Falcona. Durante o seu encarceramento deixou retratos doutros presos cos que compartiu cela, entre eles o propio Casal. Foi asasinado o 14 de agosto de 1936, cinco días antes que o antigo alcalde.
