A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela insta á USC a requirir a titulación de xornalismo nunha convocatoria de emprego
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC-FAPE), en consonancia co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), expresou o seu firme rexeitamento á recente convocatoria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para cubrir unha praza de xornalista no seu gabinete de comunicación.
A universidade, recoñecida por impartir titulacións en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, non incluíu a titulación específica en xornalismo como requisito indispensable para optar á praza.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia e ratificada no Boletín Oficial do Estado, establece que os candidatos deben posuír calquera titulación universitaria oficial, relegando a específica de xornalismo a un mero mérito. Este criterio suscitou preocupación entre os profesionais do sector, quen argumentan que tal decisión menoscaba a importancia dunha formación especializada en comunicación e xornalismo, disciplinas que a propia USC ofrece no seu currículo académico.
Desde a APSC critícase que a USC non valora a formación específica en xornalismo como requisito esencial, de xeito que despreza o seu propio programa académico e docente. Esta acción, segundo a asociación, non só afecta negativamente aos seus egresados, senón que tamén “prexudica a imaxe profesional de todos os xornalistas”.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia alertou asimesmo sobre as posibles repercusións a longo prazo de tales políticas de contratación, indicando que “se mina a credibilidade das institucións que deberían ser os principais baluartes na defensa do xornalismo como profesión crítica e esencial para a sociedade”.
A APSC insta á USC e ao seu reitor Antonio López a reconsiderar os termos desta convocatoria, facendo un chamamento á valoración adecuada das titulacións de xornalismo e comunicación audiovisual, nun esforzo por preservar a integridade e a calidade do xornalismo en España.