A Facultade de Ciencias da Comunicación acolle un encontro organizado pola APSC sobre as mulleres no xornalismo

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC foi o escenario esta mañá do encontro ‘Mulleres Xornalistas: Unha carreira de obstáculos’, organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC/FAPE). O evento reuniu a destacadas profesionais do sector, como Carlota Corredera, colaboradora de ’59 segundos’ en TVE, e Cristina Rodríguez, directora do Diario de Ferrol, así como ás presidentas das Asociacións de Xornalistas de Santiago, Xulia Campo; A Coruña, Doda Vázquez; Lugo, Carmen Uz, e Vigo, Tesa Díaz-Faes.

A presidenta da APSC, Xulia Campo, subliñou a relevancia de celebrar estes encontros na facultade: “É fundamental que as futuras xornalistas coñezan a realidade do sector, non para desmotivalas, senón para darlles ferramentas para enfrontar situacións complexas”. Ademais, destacou a importancia do asociacionismo para facer fronte ás dificultades do sector: “Se non estamos unidas, cada vez perderemos máis terreo”.

A conciliación laboral foi outro dos temas centrais do debate. Tesa Díaz-Faes, presidenta da Asociación de Periodistas de Vigo, compartiu a súa experiencia ao deixar un posto nunha multinacional para mellorar a súa vida familiar: “O traballo era apaixonante, pero eu quería estar máis presente na vida dos meus fillos”. Así mesmo, Doda Vázquez fixo tamén referencia ao tema da conciliación familiar: “No meu caso como non teño fillos, dedico o teu tempo a dirixir a Asociación da Prensa da Coruña”, bromeou. Pola súa banda, a presidenta da asociación lucense quixo reflexionar sobre as mulleres no xornalismo, indicando que “que haxa mulleres presidindo as asociación de xornalistas non é casual. Imos ocupando cada vez máis espazos”.

Cristina Rodríguez, directora do Diario de Ferrol, destacou o valor do xornalismo local: “Aos veciños gústalles ver as súas historias no xornal. É unha forma de fortalecer a comunidade e dar voz aos que moitas veces non a teñen”.

Carlota Corredera, pola súa banda, reflexionou sobre os obstáculos das mulleres no sector: “Na miña carreira non me contrataron para deportes na TVG por ser muller, xa que precisaben ‘voces masculinas’.

O encontro pechouse co compromiso das participantes de seguir traballando para mellorar as condicións das profesionais da comunicación e dar visibilidade tanto ás dificultades como ás oportunidades que ofrece o xornalismo.