A FAPE pide seguridade para que as xornalistas exerzan a súa profesión

No Día Internacional da Muller, a Federación rexeita o acoso que padecen na actualidade

A Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) pide neste 8 de Marzo que se poñan en marcha todas as medidas necesarias para que as xornalistas poidan exercer a súa profesión con seguridade e se freen as ameazas e o acoso que padecen tanto de maneira directa como a través das redes sociais. Neste sentido, súmaseu á campaña do Consello de Xénero da Federación Internacional de Xornalistas (FIP), que nesta data esixe xustiza para todas as súas compañeiras que foron obxecto de ataques por facer o seu traballo e rende homenaxe ás mulleres xornalistas que dedican a súa vida a loitar contra a impunidade, a esixir responsabilidades aos poderosos e a defender sociedades plenamente informadas e democracias sólidas.

Cómpre ter presente que, en todo o mundo, as mulleres xornalistas néganse a ser silenciadas. Seguen informando con rigor, responsabilidade e en beneficio do interese público.

Por outra banda, a FAPE lembra que neste 8 de Marzo hai outras reivindicacións que continúan pendentes, como superar a fenda salarial e avanzar na presenza de mulleres en postos directivos. Así, segundo os datos do INE sobre fenda salarial publicados en 2025, a diferenza salarial media entre homes e mulleres en España sitúase nun 15,7 %, tomando como referencia o salario bruto anual.

En canto aos cargos directivos, só o 34,4 % estaban ocupados por mulleres en 2024, o que situou a España lixeiramente por debaixo da media da Unión Europea, que foi do 35,2 %. Segundo informou Eurostat, como parte dunha serie de artigos dedicados ao Día Internacional da Muller, o 35,2 % de todos os postos directivos na UE en 2024 estaban ocupados por mulleres, fronte ao 31,8 % en 2014. España foi un dos países que se situou por debaixo da media europea. Unha década antes, a proporción de mulleres en cargos directivos en España era do 30,9 %, o que supón un aumento de 3,5 puntos porcentuais.

A FAPE anima a todas as organizacións que a conforman a estar activas neste 8 de Marzo, realizando actividades ou sumándose ás convocadas. É o momento de deixar claro que a igualdade debe estar presente en toda a sociedade e que os e as xornalistas temos un compromiso na súa defensa.