As principais forzas políticas galegas coincidiron na necesidade dun esforzo colectivo para a defensa do patrimonio galego

A Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego (APATRIGAL), organizou no Centro Internacional de Prensa de Galicia un debate sobre o patrimonio galego, coa participación dos representantes das seis principais formacións políticas de Galicia. O evento estivo centrado na discusión sobre a conservación e protección do patrimonio cultural e natural de Galicia, desde os tempos inmemoriais da cultura rupestre ata  a actualidade. Os diferentes representantes polemizaron arredor das solucións a adoptar para abordar esta problemática.  

O debate contou coa presenza de José Luis Ferro  do PPdG, Mercedes Queixas do BNG, Áurea Soto do PSdG, Raquel de Ana de Sumar, Fernando del Moral de Podemos, e Manuel Fuentes de Vox. O xornalista Ramón Castro, de Ondacero dirixiu o debate.

Os temas discutidos incluíron aspectos relacionados co patrimonio etnográfico, eclesiástico, urbano, e a relación entre turismo e patrimonio. Este encontro buscou proporcionar unha plataforma para que as diferentes formacións políticas amosaran as súas visións e propostas respecto ao patrimonio galego, nun contexto relevante para a próxima convocatoria electoral do 18 de febreiro.

O debate foi retransmitido por streaming a través do Facebook de Apatrigal e do canal de YouTube do Centro Internacional de Prensa de Galicia.