Darío Villanueva, no CiPG: “A palabra ten un poder creativo extraordinario e a lingua é o patrimonio máis democrático que existe”
O catedrático e expresidente da RAE Darío Villanueva presentou o seu libro Los poderes de la palabra
Santiago de Compostela, 31/05/2023.- Cunha fundada análise metodolóxica, unha demorada investigación dialéctica e unha coidada presentación, Dario Villanueva debullou exemplos da linguaxe de hoxe en día en campos sociais tan dispares como a literatura, o dereito, a política e a publicidade. Todo este esforzo compilatorio destilouno na súa nova obra Los poderes de la palabra da editorial Galaxia Gutemberg, que presentou no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG). Co asistencia de numeroso público o expresidente da Real Academia da Lingua Española fixo un alegato en favor de darlle valor a expresión verbal, o vocabulario, fronte as agresións de todo tipo que sofren as linguas en calquera punto do planeta.
Villanueva salferiu a súa amena charla con multitude de anécdotas e referencias salientables desde as primeiros rexistros comunicativos dos homes primitivos, o estudo dos discursos políticos levados a cabo por gabinetes especializados comandados por logógrafos ou escritores na “sombra” (puxo como exemplos as disparidades nas campañas de presidentes estadounidenses como Ronald Reagan, Barack Obama ou Donald Trump), e detívose especialmente nas linguaxes da postmodernidade e os tempos en que toda a sociedade está conectada a unha rede cibernética, que xa augurara Marshall McLuhan na súa “Galaxia Gutemberg”
En definitiva, Darío Villanueva veu a concluír na necesidade de darlle valor as palabras porque teñen un “poder creativo extraordinario”, e as linguas xa que son “o patrimonio máis democrático que existe”.