Emilio Pérez Touriño reivindicou unha Europa máis forte e solidaria no Centro Internacional de Prensa de Galicia

O ex-presidente da Xunta de Galicia presentou o seu libro “El horizonte europeo” nun acto organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela e o Ateneo de Santiago de Compostela

O Centro Internacional de Prensa de Galicia acolleu a presentación na capital galega do libro El horizonte europeo, de Emilio Pérez Touriño nun acto que encheu o salón de actos do Centro Internacional de Prensa de Galicia, estivo presentado por Ramón Máiz, catedrático de Ciencias Políticas da USC, Manuel López-Rivadulla, presidente do Ateneo de Santiago e o presidente da Asociación de Periodistas de Santiago-FAPE, Luis Menéndez.

O expresidente autonómico de Galicia fixo unha reflexión sobre a pandemia provocada pola Covid-19 e o seu impacto na estrutura europea, ademais de no sistema capitalista, para o que supuxo un cambio de paradigma. Para Touriño, isto foi unha oportunidade para a socialdemocracia na Unión Europea. Noutro momento, subliñou que “a criminal invasión rusa de Ucraína pon patas arriba o taboleiro xeopolítico mundial e nos introduce de novo nun boomerang de crise económica, a crise enerxética e das cadeas de subministro”.

Touriño afirmou despois que cada crise, sumada coa anterior, nos amosa que os retos do mundo actual van cara “máis Europa, e non menos Europa”. “Necesitamos unha Europa de corte federal, onde sexamos capaces de compartir —dixo— máis espazos de soberanía, que teña unha autonomía estratéxica, tanto no mundo defensivo, como no mundo cooperativo, industrial e tecnolóxico”.

Ao remate da súa intervención o autor fixo unha reflexión sobre os desafíos do continente europeo, afirmando que “o desafío fundamental que teñen hoxe a socialdemocracia e as políticas progresistas é conseguir ese espazo europeo supranacional, capaz de ter máis fortaleza democrática, máis solidariedade e máis capacidade de fortalecemento social”.

Deixa unha resposta