Fomento da profesionalidade, a independencia, o pluralismo e adecuación á normativa europea deben ser os principios rectores da nova Lei de Medios de Galicia

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) quere lembrar, neste 28 de xaneiro no que se presenta no Parlamento de Galicia a nova proposta de Lei de medios audiovisuales públicos de Galicia, as alegacións presentadas en agosto do 2024, cando se fixo público o texto do Antreproxecto de Lei. Unhas conclusións respaldadas polas asociacións galegas integradas na Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), que respaldaráa daquela as seguintes conclusións:

  1. A posible entrada en vigor da nova lei supón a derogación da anterior normativa, sen a creación, tal e como estipulaba e despois de trece anos, dos organismos máis directamente relacionados coa representatividade dos xornalistas na CRTVG, como un Concello de Informativos, un Estatuto Profesional, unha Autoridade Audiovisual independente ou Defensor da Audiencia, establecidos dende hai décadas noutros medios autonómicos do Estado. Consideramos que estes organismos son unha barreira contra a politización e instrumentalización interesada dos medios de comunicación e aportan obxectividade e pluralismo, ademais de obrigar á responsabilidade social que debe ter todo xornalista.
  2. Está nova normativa vulnera o espírito e a letra do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios (EMFA-European Media Freedom Act. (UE) 2024/1083), que salvagarda a independencia dos medios de comunicación do poder político, impón criterios de transparencia e servizo público, ademais de protexer o traballo dos xornalistas (Art. 2, 4 e 5).
    Con estas premisas, este texto dificilmente contaría co visto e prace do ECMS (European Committee Media Service), o futuro organismo regulador europeo independente que, en coordinación cos organismos reguladores nacionais, velará polo cumprimento da EMFA en todos os seus aspectos relacionados coa liberdade da prensa tanto en medios públicos como privados, así como en plataformas dixitais.
  3. O proxecto de lei da Xunta dedica unha amplísima extensión (capítulos 2, 3 e 4) á concreción das estruturas xerárquicas da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (que se denominaría CSAG: Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia), así como ó Consello de Administración (Art. 25.2), do que –sorprendentemente– dependería a redacción das “normas de estilo”, á Dirección Xeral (que, se non existe consenso, pódese elixir no Parlamento por maioría simple (disposición adicional 2ª), e á Comisión de Economía e Control.
    Non obstante, evita mencionar as funcións de calquera órgano social representativo dos traballadores, desde os propios grupos sindicais ata, no ámbito xornalístico, do Consello de Informativos. Por outra banda, constituiría un denominado “Consello Asesor de Participación Social e Profesional” de 15 membros, elixidos polo Parlamento de Galicia sen ter en conta en absoluto ó sector dos profesionais da comunicación, como os organismos homologados e representantes que en Galicia son o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e as catro Asociacións da FAPE. De feito, só se terían reservado dous postos para profesionais dos 15 do citado Consello.
  4. No ámbito dos contidos observamos unha mención favorable -por primeira vez- á alfabetización mediática -pola que a FAPE leva unha década loitando-, e a total incorporación dos medios públicos á sociedade dixital.
    Aínda que na exposición de motivos e no artigo 4.d) se insta, como na Lei de creación da CRTVG de 1984, a… “Promover o uso da lingua galega e dar a coñecer a identidade cultural e a lingüística de Galicia”, nos extensos artigos desta nova lei, este obxectivo principal e capital atópase moi diluído e ábrese por primeira vez -sen precisar- a porta ao uso doutras linguas (Art. 7), que entendemos que poden supoñer unha ameaza para a supervivencia da lingua galega, que sempre tivo un referente fundamental na CRTVG, fronte a un ecosistema audiovisual en gran medida expresado noutras linguas, destacando o castelán.

Os profesionais dos medios de comunicación públicos de Galicia, representados en FAPE, esperan que estás conclusións, froito dun profundo estudo desta Lei de Servizos dos Medios de Comunicación Audiovisual de Galicia, sexan tidas en conta polos responsables políticos que van regular un sector fundamental para o mantemento dunha sociedade democrática.