Intenso debate electoral no Centro Internacional de Prensa de Galicia
Participaron Néstor Rego, do BNG; David Regades, do PSdeG-PSOE; Francisco Conde, do PPdeG; Marta Lois, de Sumar, e Juan Garcilaso de la Vega, de Vox
Santiago de Compostela, 11/07/2023. – Cheo absoluto no Centro Internacional de Prensa de Galicia para escoitar aos cinco convidados ao debate para as Eleccións Xerais do próximo 23 de xullo, presentado por Pastor Lorenzo, director do CiPG, e moderado por Luís Menéndez, presidente da APSC.
Ao debate concorreron Néstor Rego, número 1 polo BNG na provincia da Coruña; David Regades, cabeza de lista polo PSdeG-PSOE na Pontevedra; Francisco Conde, número 1 polo PPdeG na provincia de Lugo; Marta Lois, número 1 por Sumar na Coruña, e Juan Garcilaso de la Vega, cabeza de lista de Vox en Galicia.
As intervencións comezaron cunha rolda de quedas pactadas, que abriu Francisco Conde (PPdeG). Iniciou a súa primeira intervención comprometéndose a “atender prioritariamente os temas que melloren a calidade de vida dos galegos”. O candidato socialista, David Regades (PSOE), pola súa parte, presentou unha disxuntiva: “escoller entre PSOE, que non deixa ninguén atrás e o PP da austeridade e os recortes”.
Marta Lois (Sumar) afirma que o seu partido “ven para quedarse e ser chave na constitución do goberno do Estado”. Para Néstor Rego (BNG) non se trata de “escoller entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, senón escoller a forza galega que serva de muro de contención da extrema dereita”.
Pola súa parte, Juan Garcilaso de la Vega (Vox), declarou que “o único voto útil é votar a Vox, porque cun Vox forte pódese derogar o ‘sanchismo’”.
O primeiro bloque, sobre calidade de vida e benestar cidadán, os candidatos do PPdeG e de Sumar enfrontáronse polos datos de vivenda social. O Bloque reprochoulle ao popular a destrución de tecido industrial dende que goberna e o candidato do PSdeG manifestou que “o benestar cidadán non é quitar impostos ás grandes fortunas, senón subir as pensións”. Pola súa banda, o candidato de Vox anunciou neste momento do debate o listado de leis que van derogar se teñen responsabilidades de goberno, avogando por recuperar o centralismo.
No segundo bloque, sobre convivencia democrática e pactos políticos, o candidato do Partido Socialista amosouse orgulloso dos acordos acadados para mellorar a convivencia democrática. Marta Lois, de Sumar, lamentou precisamente a “pouca convivencia democrática e a política do ruído actual”, ao que lle contestou o candidato do BNG lamentando que apele ao “voto do medo”. Por outra parte, o PPdeG defendeu que nas vindeiras eleccións xerais se procuren “pactos de gañadores” e “gobernen as listas máis votadas”. Vox, pola súa banda, resaltou neste punto do debate, os prexuízos que, ao seu entender, causou a lei do ‘só si é si’.
No terceiro é derradeiro bloque, referido ao papel de Galicia na representación do Estado, o candidato do Partido Popular lamentou que “os fondos europeos non estean chegando a Galicia”, ao que a candidata de Sumar respondeu que Yolanda Díaz, á que Marta Lois citou en varias ocasións, “nunca deixa fóra a Galicia nas súas políticas”. O candidato socialista, pola súa parte, lembro a cantidade de medidas do Goberno Central que favoreceron a Galicia nesta lexistaltura. O nacionalista Néstor Rego agradeceu neste punto que Sumar se una á petición de titularidade pública para a AP-9 e Vox afirmou que “Galicia está baleirando de sentido o Goberno do Estado”.
Ao finalizar os tres bloques, tivo lugar un dinámico debate con preguntas do público.