O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG) acollerá o luns 19 a presentación do documental e do libro sobre Exeria, a primeira peregrina

Santiago de Compostela, 17-12-2022.- O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG) acolle este luns, día 19 de decembro, ás 19.30 horas, na súa sede do número nove da Rúa Nova de Santiago, o documentario e o libro sobre Exeria, a primeira peregrina.
Primeiro proxectarase o documentario ‘Exeria: a primeira peregrina’, do xornalista Luís Menéndez e a continuación falarase sobre o libro de Marisa Vidal ‘Eu son Exeria’.
Trátase dunha produción galega internacional en cinco países seguindo o roteirode Exeria, fascinante figura do século IV, que peregrinou desde as calzadas romanas da Gallaecia ata os seus destinos de Terra Santa e Constantinopla, deixando testemuña escrita no seu Itinerarium. Os asistentes terán a ocasión tamén de recibir a versión literaria dunha muller fascinante, afoutada, intelixente e prudente que se move guiada polo seu desexo de coñecer o descoñecido alén dos mares e que vai relatando de vagar as súas compañeiras como pioneira das crónicas viaxeiras.