O Centro Internacional de Prensa de Galicia lembra a catástrofe do Prestige cunha xornada organizada polo Colexio de Xornalistas
Santiago de Compostela, 11/11/2022.- O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG), ubicado no número 9 da Rúa Nova compostelá, lembrará, o vindeiro luns, día 14 de novembro, o 20 aniversario da catástrofe do Prestige, cunha mesa redonda organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e que leva por título ‘O tratamento informativo do Prestige vinte anos despois’.
Este será o primeiro acto do CPXG na sede do CiPG, co que no seu día asinou un convenio de colaboración. Nel participarán algúns dos principais comunicadores que informaron sobre aquel acontecemento desde os medios galegos: Rocío Castro, directora naquela altura do xornal dixital Vieiros; Pablo González, xornalista que cubriu a catástrofe desde La Voz de Galicia; Selina Otero, xornalista encargada da cobertura para La Opinión da Coruña; Aida Pena, directora de informativos e contidos de Radio Galicia-Cadena Ser; e Xosé Manuel Pereiro, actual vicedecano do CPXG e xornalista de TVE en Galicia e colaborador de El País no momento no que se afundiu o Prestige.
O evento, no que se debaterán as circunstancias en que se realizou a cobertura informativa do Prestige, comezará ás 19 horas e vai estar moderado por Ana González Liste, membro da Xunta de Goberno do CPXG e xornalista en Praza.gal.
Ademais dun dos acontecementos máis relevantes a nivel ambiental, político e social da historia galega do século XXI, o afundimento do Prestige significou tamén un dos maiores desafíos para o desenvolvemento da profesión xornalística para Galicia. Desde os atrancos para informar e a opacidade da información oficial, até a autoorganización dos profesionais da comunicación e a rebeldía da sociedade galega, que alzou a voz mediante o movemento ‘Nunca Máis’.