O CiPG acolleu a aula deportiva na que o Bilbao Básket amosou as súas estratexias de posicionamento social

O evento foi desenvolvido previamente ao encontro que se disputará este sábado, 4 de febreiro, entre o Obradoiro e o Bilbao Básket, ás 20.45 horas, no Multiusos Fontes do Sar

De esquerda á dereita, Lorenzo, Iturbe, Sarasola, Junco e Sanmartín, no CiPG.

Santiago de Compostela, 3-2-2023.- O Bilbao Básket desenvolveu este venres, no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG), unha aula sobre xornalismo deportivo, titulada ‘Cambiamos as regras do xogo’, na que parte da directiva da entidade amosou as estratexias que seguen para mellorar o seu posicionamento de cara a sociedade. No evento, presentado polo director corporativo do CiPG, Pastor Lorenzo, participaron a presidenta e directora xeral do clube, Isabel Iturbe; a responsable de márketing, Olatz Sarasola; o encargado de desenvolvemento de negocio, Borja Junco, e o xornalista deportivo Javier Sanmartín.

A presidenta da entidade non só falou da importancia dunha boa xestión, senón de comunicarlle as contas a socios e á afección, tanto as débedas, coma os ingresos, porque se trata dun clube relativamente modesto, duns tres millóns de euros de orzamento, similar ao do Obradoiro actualmente, pero onde cobra suma importancia o xeito de facer ben as cousas: “Somos modestos, pero non cutres. Hai que ser elegante, saber tratar a afección, ao público e ao persoal”, especificou.

A entidade pretende darlle visibilidade á estructura da directiva dun clube que compite na Liga ACB e a nivel europeo e iso que son poucas persoas que supoñen “o motor para xerar xestión, buscar patrocinadores, amarrar a economía, tendo ademais un consello de administración formado por sete persoas de distinto perfil”.

Explicaron tamén o que supón para o Bilbao Básket a Axenda 2030, xa que o clube a considera unha oportunidade para aunar esforzos e integrar accións que impulsen proxectos prioritarios na súa contorna, enfocados por exemplo a obxectivos que garantan unhas condicións de vida máis saudables, así como ao impulso da innovación e da adaptación a novos escenarios. O clube é consciente da repercusión e influencia que ten, especialmente nos máis novos, polo que persegue a consolidación do Bilbao Basket como referente territorial no ámbito social, deportivo e de xuventude.

Ideas coma as entradas rotativas, facer que algún afeccionado se sinta xogador por un día ou a de aproveitar o paso do Tour de Francia con accións que lles deron máis visibilidade, foron algunhas das cuestións expostas como boas prácticas desenvolvidas polo clube.

Olatz Sarasola, responsable de márketing, tamén recalcou a importancia de estar presente nas redes sociais, no seu caso, nomeadamente en Twitter e Tik Tok, xa que teñen unha grande comunidade de seguidores.

Pastor Lorenzo na presentación da aula do Bilbao Básket.

Sarasola explicando estratexias de visibilización da entidade.

Deixa unha resposta