O I Foro de Turismo Sostible congregou no CiPG a deceas de expertos
Santiago de Compostela, 20-12-2022.- O I Foro de Turismo Sostible congregou en Santiago a deceas de profesionais e persoas interesadas no sector, no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG).
O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xosé Manuel Santos Solla, experto en desenvolvemento de turismo urbano, analizou o concepto de sustentabilidade “que discutimos desde a década dos 70. O termo vense aplicando sobre todo nos últimos tempos ao turismo, coa Axenda 20 e 30. Temos que entender que o turismo é como outra actividade económica, aparte das variables sociais ou culturais que poda ter, entón iso implica un compromiso importante por parte de quen xestiona os destinos e de quen xestiona as empresas”, matizou. Santos falou primeiro sobre como foi evolucionando o concepto de sustentabilidade nas accións que desenvolven as Nacións Unidas e a Unión Europea. “En España tódalas políticas actuais réxense por ese principio de sustentabilidade. Outra cousa son as dificultades de levalas adiante”, engadiu o poñente. Na segunda parte falou especificamente do turismo, sobre “cal é a responsabilidade do sector na pegada ambiental, fundamentalmente os transportes asociados ao turismo, e sobre algunhas políticas que se están levando a cabo en España e algunhas máis concretas nalgúns destinos”.
O académico foi presentado pola Directora Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil Millarengo, quen eloxiou o foro organizado polo CiPG, entidade que xestiona a Asociación de Periodistas de Santiago (APSC): “A sustentabilidade é o máis importante que ocupa nestes momentos as nosas vidas. Para os que traballamos pola promoción e a xestión do turismo impórtanos moito que ese turismo sexa sostible, para iso tamén se fixeron programas como un que contempla datos de big data sobre os fluxos de turistas. Polo de agora non hai un grande problema de conxestión excepto en moi determinados días do mes de agosto, pero hai que pensar no futuro. Namentres, as cousas se están facendo moi ben por parte de todos”.
O presidente da Asociación de Hostalería de Compostela, Thor Rodríguez, considera importante comezar a abrir este tipo de espazos : “Precisamos un turismo que esté en convivencia con los recursos, con la naturaleza y sobre todo con la vecindad. Creo que Santiago es más que pertinente que empiece este tipo de debates, porque ya se han presentado problemas y se pueden presentar problemas graves si seguimos dejando este tema para más adelante”, sinalou e precisou que: “Es el momento de sentar las bases sobre el turismo que queremos para Santiago”.
O foro contou cunha mesa redonda na que se falou sobre as múltiples dimensións da sustentabilidade turística. Participaron nela a presidenta da Asociación Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo; o presidente da Asociación de Hostalería de Compostela, Thor Rodríguez; o presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica de Santiago, Roberto Almuíña e o máximo representante da Asociación Profesional de Turismo da Costa da Morte (APTCM) e empresario de turismo sostible, Pepe Formoso.
O Concello de Santiago, Turismo Sustentable e Santiago de Compostela Turismo figuran entre os membros da organización do foro, xunto á Asociación de Periodistas de Santiago e o Centro Internacional de Prensa de Galicia.
Ademais, o evento, que rematou en torno ás 19 horas, retransmitíuse en streaming mediante o enlace: https://www.youtube.com/channel/UCNbDnQtQboaIfIE7hfj_nog.