O investigador galego Francisco Singul recibe en Burgos o XIII Premio Internacional Aymeric Picaud
O investigador e divulgador galego Francisco Singul recibiu este sábado en Burgos o XIII Premio Internacional Aymeric Picaud, unha distinción concedida pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago Francés e que recoñece a súa traxectoria na investigación, estudo e divulgación do fenómeno xacobeo.
O acto de entrega celebrouse no Hospital do Rei, no campus central da Universidade de Burgos, nun encontro que reuniu profesionais da comunicación de oito provincias vinculadas á Ruta Xacobea. A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela participou na cita a través de dous membros da súa directiva, Pepe Formoso e Silvia Viqueira, representantes da entidade compostelá dentro da Liga.
Singul, historiador da arte, comisario de exposicións e xefe da área de Cultura Xacobea da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia, recolleu o galardón das mans dos representantes das asociacións que integran a Liga. Ao longo da súa carreira desenvolveu un amplo labor de divulgación arredor do Camiño de Santiago mediante publicacións especializadas, libros colectivos e numerosos artigos editados en revistas de distintos países europeos e americanos.
Como parte do recoñecemento, o investigador galego recibiu un facsímile do Codex Calixtinus, elaborado pola editorial burgalesa Siloé.
A entrega do premio estivo precedida por un programa de actividades no que participaron comunicadores procedentes de Navarra, Aragón, A Rioxa, Burgos, Palencia, León, Lugo e Santiago de Compostela. Durante a estadía visitaron a Catedral de Burgos e a localidade de Castrojeriz, onde foron recibidos pola alcaldesa, Beatriz Francés, e membros da corporación municipal para coñecer este enclave destacado do Camiño Francés.
A Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago Francés recoñeceu en edicións anteriores a escritores, xornalistas e investigadores como Carmen Pugliese, Antón Pombo, Kim Nam Hee, Jean Passini, Maryjane Dunn ou José Tono Martínez, premiado o pasado ano en Ponferrada.
