O xornalismo en Palestina, baixo ataque: Nasser Abu Baker denuncia a represión na conferencia da APSC
Este mércores día 22, o Salón Rahid do Hotel Araguaney acolleu a conferencia ‘Solidariedade cos xornalistas de Palestina’, organizada pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) en colaboración coa Federación Internacional de Periodistas (FIP). O evento, presidido por Xulia Campo, contou coa participación de Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas de Palestina (PSJ) e vicepresidente da FIP, quen relatou a crítica situación do xornalismo no seu país, onde máis de 200 xornalistas foron asasinados desde outubro de 2023.
Nasser Abu Baker describiu o contexto de represión e violencia que sofren os profesionais da información en Palestina, onde o xornalismo se converteu nun obxectivo militar. “Israel destrúe emisoras de radio, clausura centros de comunicación e elimina testemuños incómodos”, afirmou. O presidente do PSJ destacou as condicións extremas nas que traballan os xornalistas, sen acceso a electricidade ou internet, moitos deles perdendo a vida mentres informaban. “Os 200 xornalistas mortos non son cifras, son compañeiros e amigos que loitaban por contar a verdade”, engadiu emocionado.
O acto concluíu cunha chamada á solidariedade internacional e á defensa da liberdade de prensa en zonas de conflito. Xulia Campo subliñou o compromiso da APSC con esta causa e destacou a importancia de visibilizar as persecucións aos xornalistas palestinos. “Non podemos permitir que a información se converta nunha vítima máis dos conflitos armados”, afirmou.