Santiago reivindica na Asemblea da FAPE un xornalismo “de investigación, contraste e curiosidade” fronte á precariedade e a desinformación

A alcaldesa Goretti Sanmartín e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, abriron na Hospedería de San Martiño Pinario a LXXXV Asemblea da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) cunha defensa da liberdade de expresión, a memoria democrática e o papel esencial do periodismo nun contexto de novos retos como a intelixencia artificial, o intrusismo e a aceleración informativa

A Hospedería de San Martiño Pinario acolleu na maá deste sábado o acto inaugural da LXXXV Asemblea da Federación de Asociaciones de Xornalistas de España (FAPE), unha cita que reuniu este ano en Santiago de Compostela profesionais de todo o Estado para abordar os principais desafíos do sector. Na apertura institucional, tanto a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, como o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, coincidiron en subliñar o valor central do xornalismo para a saúde democrática, ao tempo que alertaron sobre os desafíos que afronta a profesión.

Merelles agradeceu á Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) o labor realizado para converter a capital galega en sede desta edición e puxo o foco nos cambios estruturais que afectan ao oficio. O responsable autonómico sinalou que o xornalismo afronta “moitos retos”, entre eles o intrusismo, a intelixencia artificial, a formación, a dixitalización e a precariedade, pero insistiu en que por enriba de todo debe preservarse “o respecto á liberdade de expresión” como principio fundamental.

O director de Turismo definiu ademais o xornalismo como “a mellor profesión do mundo”, aínda que sometida a transformacións constantes, e expresou a súa confianza en que a asemblea permita extraer conclusións útiles para o futuro da profesión. Na súa intervención, aproveitou tamén para situar Santiago como escenario privilexiado do encontro, lembrando o seu peso internacional como meta xacobea e destacando que en 2025 a cidade bateu récord histórico con 700.000 peregrinos, dos cales 571.000 recibiron a Compostela, cun 61% de visitantes internacionais. Neste contexto, avanzou tamén a relevancia estratéxica do Xacobeo 2027 como novo impulso social, cultural e económico.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín ofreceu unha intervención centrada na dimensión social, política e histórica do xornalismo, definíndoo como unha profesión “imprescindible” e “absolutamente central para ter sociedades avanzadas”. A rexedora advertiu sobre os intentos de silenciar a prensa en contextos bélicos e lembrou o asasinato de xornalistas en conflitos internacionais, así como o caso do galego José Couso, como exemplo extremo dos riscos asociados á defensa da verdade.

A alcaldesa defendeu un modelo de “xornalismo de investigación, de solidez, de contraste e de traballo a pé de campo”, especialmente necesario nun tempo marcado pola velocidade, a sobreinformación e a precarización laboral. Neste sentido, reivindicou tamén o papel dos medios na defensa das culturas e linguas propias, subliñando a importancia histórica do xornalismo galego na construción da identidade colectiva e na visibilización de realidades sociais e culturais propias.

Boa parte da súa intervención estivo atravesada pola memoria histórica e cultural de Galicia, con referencias a figuras como Margarita Ledo, Maruxa Mallo, Ánxel Casal, Federico García Lorca ou Begoña Caamaño, homenaxeada neste Día das Letras Galegas. Sanmartín presentou a autora e xornalista como exemplo de compromiso profesional, feminista e social, destacando a súa defensa dun periodismo pausado, rigoroso e profundamente humano.

Precisamente arredor desa idea xirou unha das mensaxes centrais do seu discurso: a necesidade de recuperar tempo para investigar, contrastar e comprender. Para a alcaldesa, a curiosidade segue a ser a ferramenta esencial do oficio, mais para exercela son necesarias condicións laborais dignas e horarios compatibles cun traballo profundo e de calidade.

Xunto á reflexión profesional, Sanmartín convidou ás persoas asistentes a descubrir Santiago máis alá da súa dimensión monumental, vinculando o espírito xornalístico coa exploración da cidade real, dos seus barrios, ríos, espazos industriais e memoria social. Nunha cidade en plena celebración das festas da Ascensión e do Día das Letras Galegas, a alcaldesa situou Compostela como escenario de cultura, identidade e pensamento crítico.