O doutor lucense Miguel Ángel Darriba destaca o avance que supuxo para a mediciña o Camiño de Santiago ao presentar un libro sobre peregrinacións no CiPG
Santiago de Compostela, 16-2-2023.- O doutor lucense Miguel Ángel Darriba González vén de presentar o seu libro ‘Camino de caminos’, no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG). No evento, conducido polo director corporativo da Casa dos Xornalistas compostelá, Pastor Lorenzo, o autor subliñou a importancia que tivo a peregrinación a Compostela para os avances da mediciña europea, polo intercambio de coñecementos procedentes do xudaísmo e dos países árabes, entre outros, ao longo dos séculos.
O doutor, que é facultativo de Institucións Penitenciarias, insistiu nos beneficios para a saúde física e psíquica que supón facer o Camiño de Santiago, dados os seus efectos beneficiosos para o sistema cardiovascular e a liberación de estrés á que contribúe.
O libro non é, segundo matizou, “una guía al uso, no es una guía por etapas, sino que se trata de una descripción de lo que es el Camino de Santiago, de sus fundamentos históricos; habla sobre las bases de la leyenda del Apóstol y de la mezcla de espiritualidad que supone”. Neste senso, Darriba baseouse, por suposto, no Códex Calixtinus, a primeira guía do peregrino, pero tamén nos textos sobre os miragres do Apóstolo recollidos na Catedral de Santo Domingo da Calzada.
Non esquece o autor aspectos negativos do Camiño, como “los falsos peregrinos que trataron de aprovecharse de él”, pero insiste en ensalzar o intercambio cultural que supón, por exemplo, no tocante á arte.
O evento culminou no CiPG cun interesante coloquio entre o autor e o público, xa que varios dos presentes tamén fixeron varias etapas dos camiños a Compostela.