A Asociación de Periodistas de Santiago reclama paz social na CRTVG e tramita solicitudes de amparo dos xornalistas afectados por traslados forzosos

Santiago, 16.03.2023.- Considerando a obriga estatutaria en defensa dos xornalistas, abogando pola calidade e imparcialidade dos medios públicos e demandando o cumprimento da lei, a Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Santiago APSC-FAPE amosa a súa preocupación polo ambiente de tensión nas relacións laborais na Corporación de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) entre a empresa e os traballadores e aboga polo restablecemento do diálogo. Nas últimas semanas, o clima social deste medio público galego deteriorouse pola adopción de ordes expeditivas, sen previo aviso nen negociación, contra xornalistas consistentes en traslados forzosos, troco de funcións, e mesmo trasvases entre a Radio e a Televisión, e viceversa, sen que houbese formación profesional axeitada previa. Dase a circunstancia que os afectados veñen sendo xornalistas críticos –e integrantes dos chamados “venres negros”- o que foi avaliado polos sindicatos do comité de persoal como “claras medidas de represalia derivadas dunha manipulación política sistemática”.

Como en anteriores ocasións, a APSC-FAPE tramita diante da súa asesoría xurídica en Madrid expedientes de solicitude de amparo remitidas polos seus socios para o seu estudo e, no seu caso, exercer as actuacións pertinentes. En concreto, foi activado ó remitido pola socia Mayte Cabezas que, tras 25 anos como redactora e presentadora na TVG, foi trasladada de súpeto a un programa da radio sen mediar acordo ningún.

Por último, e por enésima vez, a APSC-FAPE demanda á Dirección da CRTVG, ao Consello de Administración e o partido do goberno en Galicia a súa obriga de aplicala Lei 9/2011 sobre aspectos claves para actualización e normalización da Corporación coa posta en marcha do Consello de Redacción, o Estatuto de Redacción e a elección do Director Xeral por 2/3 do Parlamento. Tras doce anos da aprobación de dita lei, con daquela incluso os votos do PP, aínda non se aplicou neses puntos, que deste tempo están vixentes noutras televisións autonómicas, xunto con outras figuras emanadas do espirito das leis de transparencia, como o Defensor da Audiencia.

Os vindeiros días 24 e 25 de Marzo están convocadas novas folgas na CRTVG baixo o lema “Por unha TVG ao servizo do pobo” e diversas concentracións de protesta previas polos traballadores do ente público.

Deixa unha resposta