Presentación da tradución ao galego da novela de García Márquez ‘Crónica de una muerte anunciada’ no Centro Internacional de Prensa de Galicia

Visita de Gabriel García Márquez a Santiago en maio de 1983.

Santiago, 30/01/2023.- Este mércores 1 de febreiro as 19.00 horas terá lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia (Rúa Nova, 9) a presentación da tradución ao galego da famosa novela do Nobel de Literatura Gabriel García Márquez “Crónica de una muerte anunciada”. No acto falarán os tradutores María Rey e Amancio Liñares e o crítico editorial Armando Requeixo, así como Valentín García, secretario xeral de Política Linguística da Xunta de Galicia. Será moderado polo presidente da Asociación de Periodistas de Santiago, Luís Menéndez, e amenizado coa actuación musical ao clarinete de Olalla Liñares. O acto está aberto ó publico ata completar aforo.

“Crónica de una muerte anunciada” forma parte das obras de García Márquez inxeridas no chamado ‘realismo mágico’ e está baseada en varias narracións arredor dunha voda e un crime e toda a súa afectación nun lugar imaxinado da súa Colombia natal. O Nobel colombiano fixera unha única visita a Galicia, no mes de maio de 1983, e quedara sorprendido pola monumentalidade de Compostela e o “milagro de las piedras florecidas” como describiu nun fermoso artigo posterior titulado “Viendo llover en Galicia”, onde tamén facía alusión a súa avoa de orixes galegas asi como outros devanceiros que o levaron polo camiño da literatura -como afirmou- “y por la naturalidad de hablar de cosas y hechos sobrenaturales extraordinarios”, como plasmou en libros universais como “Cien años de soledad” ou “El olor de la guayaba”.

Deixa unha resposta