Manuel Garrido e Manuel F. Rodríguez presentan xuntos os seus últimos libros de temática xacobea

Será o vindeiro martes, 10, ás 19:30 horas no Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago

Santiago, 5 de outubro de 2023. O libro de divulgación El Camino de Santiago: Doce siglos de historia, de Manuel Garrido, e a novela El viaje al fin del mundo. Los buscadores, de Manuel F. Rodríguez, presentaranse conxuntamente o vindeiro martes, 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Centro Internacional de Prensa de Galicia, na rúa Nova, 9, en Santiago de Compostela. No acto, aberto ao publico e coordinado polo xornalista Luís Menéndez, participarán, xuntos cos autores, Carmen Ollero, profesora de Cursos Internacionais da USC; José Antonio de la Riera, estudoso xacobeo e directivo da ‘Fraternidad Internacional del Camino de Santiago’ (FICS); e o historiador Francisco Singul.

O libro de Manuel Garrido, historiador e coñecido autor doutras obras dedicadas ao Camiño de Santiago en Galicia e á Ribeira Sacra, realiza un percorrido pola historia da cultura xacobea en Europa e no mundo a través dos seus 1200 anos de existencia. É unha obra pensada para aquelas persoas que desexen coñecer de forma sucinta e amena, pero co máximo rigor documental, os feitos, territorios, personaxes e simboloxías que deron forma e sentido ao mundo xacobeo e as súas rutas a Compostela. El Camino de Santiago: Doce siglos de historia está publicado por Alianza Editorial.

A novela de Manuel F. Rodríguez, xornalista e escritor especializado na temática xacobea, parte de dous graves sucesos históricos nunca resoltos acaecidos na catedral de Santiago en 1906 e 1921. Verase implicado neles, sen pretendelo, Marcos Albaredo, un xornalista local. El viaje al fin del mundo. Los buscadores, publicada en galego pola editorial Bolanda en 2016, sae agora en castelán. Faino nunha nova versión da man da editorial madrileña Evohé, especializada en novela histórica e literatura de viaxes, facetas nas que conta cun amplo catálogo de obras actuais e clásicas.