Aprobado en Asemblea Ordinaria celebrada en Sevilla o día 27 de novembro de 1993
PREÁMBULO:
No marco das liberdades civís consagradas na Constitución, que constitúen a referencia necesaria para unha sociedade plenamente democrática, o exercicio profesional do Periodismo representa un importante compromiso social, para que se faga realidade para todos os cidadáns o libre e eficaz desenvolvemento dos dereitos fundamentais sobre a libre información e expresión das ideas.
Coma o seu suxeito e instrumento da liberdade de expresión, os periodistas recoñecen e garanten que o seu exercicio profesional é o leito de manifestación dunha opinión pública libre dentro do pluralismo dun Estado democrático e social de Dereito.
Pero os periodistas, tamén, consideran que o seu exercicio profesional no uso e goce dos seus dereitos constitucionais á liberdade de expresión e ao dereito á información, está sometido aos límites que impidan a vulneración doutros dereitos fundamentais.
Por iso, á hora de asumir estes compromisos, e como verdadeira garantía que lle ofrece á sociedade española, á que serve, a profesión periodística entende que lle corresponde manter, colectiva e individualmente, unha conduta impecable en canto se refire á ética e á deontoloxía da información.
Neste sentido, os periodistas integrados na Federación de Asociacións de Periodistas de España, comprométense coa sociedade a manter no exercicio da súa profesión os principios éticos e deontolóxicos que lles son propios.
Na súa virtude, a Asemblea Xeral da Federación de Asociacións de Periodistas de España promulga os seguintes principios e normas da profesión periodística:
I. PRINCIPIOS XERAIS
1. O periodista actuará sempre mantendo os principios de profesionalidade e ética contidos no presente Código Deontolóxico, cuxa aceptación expresa será condición necesaria para a súa incorporación ao Rexistro Profesional de Periodistas e ás Asociacións de Prensa federadas.
Quen con posterioridade á súa incorporación ao Rexistro e á correspondente Asociación actúe de maneira non compatible con estes principios, caerá nos supostos que se contemplen na correspondente regulamentación.
2. O primeiro compromiso ético do periodista é o respecto á verdade.
3. De acordo con este deber, o periodista defenderá sempre o principio da liberdade de investigar e de difundir con honestidade a información e a liberdade do comentario e da crítica.
4. Sen prexuízo de protexer o dereito dos cidadáns a estar informados, o periodista respectará o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, tendo presente que:
a) Só a defensa do interese público xustifica as intromisións ou indagacións sobre a vida privada dunha persoa sen o seu consentimento previo.
b) No tratamento informativo dos asuntos en que medien elementos de dor ou aflición nas persoas afectadas, o periodista evitará a intromisión gratuíta e as especulacións innecesarias sobre os seus sentimentos e circunstancias.
c) As restricións sobre intromisións na intimidade deberán observarse con especial coidado cando se trate de persoas ingresadas en centros hospitalarios ou en institucións semellantes.
d) Prestarase especial atención ao tratamento de asuntos que lle afecten á infancia e á xuventude e respectarase o dereito á intimidade dos menores.
5. O periodista debe asumir o principio de que toda persoa é inocente mentres non se demostre o contrario e evitar ao máximo as posibles consecuencias daniñas derivadas do cumprimento dos seus deberes informativos. Tales criterios son especialmente esixibles cando a información verse sobre temas sometidos ao coñecemento dos Tribunais de Xustiza.
a) O periodista deberá evitar nomear nas súas informacións aos familiares e amigos de persoas acusadas ou condenadas por un delito, salvo que a súa mención resulte necesaria para que a información sexa completa ou equitativa.
b) Evitarase nomear as vítimas dun delito, así como a publicación de material que poida contribuír á súa identificación, actuando con especial dilixencia cando se trate de delitos contra a liberdade sexual.
6. Os criterios indicados nos dous principios anteriores aplicaranse con rigor extremo cando a información poida afectarlle a menores de idade. En particular, o periodista deberá absterse de entrevistar, fotografar ou gravar os menores de idade sobre temas relacionados con actividades delituosas ou enmarcables no ámbito da privacidade.
7. O periodista extremará o seu celo profesional no respecto aos dereitos dos máis débiles e dos discriminados. Por iso debe manter unha sensibilidade especial nos casos de informacións ou opinións de contido eventualmente discriminatorio ou susceptibles de incitar á violencia ou a prácticas humanas degradantes.
a) Debe, por iso, absterse de aludir, de modo despectivo ou con prexuízos, á raza, cor, relixión, orixe social ou sexo dunha persoa ou calquera enfermidade ou minusvalía física ou mental que padeza.
b) Debe tamén absterse de publicar eses datos, salvo que garden relación directa coa información publicada.
c) Debe, finalmente, e con carácter xeral, evitar expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos individuos e a súa integridade física e moral.
II. ESTATUTO
8. Para garantir a necesaria independencia e equidade no desempeño da súa profesión, o periodista deberá reclamar, para si e para quen traballe ás súas ordes:
a) O dereito a unhas condicións dignas de traballo, tanto no que se refire á retribución, como ás circunstancias materiais e profesionais en que debe desempeñar a súa tarefa.
b) O deber e o dereito de oposición a calquera intento evidente de monopolio ou oligopolio informativo, que poida impedir o pluralismo social e político.
c) O deber e o dereito de participación na empresa periodística, para que se garanta a súa liberdade informativa de maneira compatible cos dereitos do medio informativo en que se exprese.
d) O dereito a invocar a cláusula de conciencia, cando o medio do que dependa pretenda unha actitude moral que lesione a súa dignidade profesional ou modifique sustantivamente a liña editorial.
e) O dereito e o deber a unha información profesional actualizada e completa.
9. O periodista ten dereito a ser amparado tanto no marco da súa propia empresa coma polas organizacións asociativas ou institucionais, frente a quen, mediante presións de calquera tipo, pretendan desvialo do marco de actuación fixado no presente Código Deontolóxico.
10. O segredo profesional é un dereito do periodista, á vez que un deber que garante a confidencialidade das fontes de información.
Por tanto, o periodista garantirá o dereito das súas fontes informativas a permanecer no anonimato, se así lle foi solicitado. Non obstante, tal deber profesional poderá ceder excepcionalmente no suposto de que conste irrefutablemente que a fonte falseou de maneira consciente a información ou cando revelar a fonte sexa o único medio para evitarlle un dano grave e inminente ás persoas.
11. Correspóndelle ao periodista vixiar escrupulosamente o cumprimento por parte das Administracións Públicas da súa obriga de transparencia informativa. En particular, defenderá sempre o libre acceso á información que provén ou é xenerada por aquelas, ao seus Arquivos ou Rexistros Administrativos.
12. O periodista respectará e fará respectar os dereitos de autor que se derivan de toda actividade creativa.
III. PRINCIPIOS DE ACTUACIÓN
13. O compromiso coa búsqueda da verdade levará sempre ao periodista a informar só sobre feitos dos cales coñeza a súa orixe, sen falsificar documentos nin omitir informacións esenciais, así como a non publicar material informativo falso, enganoso ou deformado. En consecuencia:
a) Deberá fundamentar as informacións que difunda, o que inclúe o deber de contrastar as fontes e de darlle a oportunidade á persoa afectada de ofrecer a súa versión propia dos feitos.
b) Advertida a difusión de material falso, enganoso ou deformado, estará obrigado a corrixir o erro sufrido con toda rapidez e co mesmo despregamento tipográfico e/ou audiovisual empregado para a súa difusión. Así mesmo difundirá a través do seu medio unha desculpa cando así proceda.
c) Así mesmo, e sen necesidade de que os afectados acudan á vía xudicial, deberá facilitarlles ás persoas físicas e xurídicas a oportunidade adecuada de replicar as inexactitudes de forma semellante á indicada no parágrafo anterior.
14. No desempeño das súas obrigas profesionais, o periodista deberá utilizar métodos dignos para obter a información, o que exclúe os procedementos ilícitos.
15. O periodista recoñecerá e respectará o dereito das persoas físicas e xurídicas a non proporcionar información, nin a responder as preguntas que se lles formulen, sen prexuízo do deber profesional de atender o dereito dos cidadáns á información.
16. Coas mesmas excepcións previstas para o segredo profesional, o periodista respectará o off the record cando sexa expresamente invocado ou se deduza a vontade do informante foi tal.
17. O peridista establecerá sempre unha clara e inequívoca distinción entre os dereitos que narra e o que poidan ser opinións, interpretacións ou figuracións, aínda que no exercicio da súa actividade profesional non está obrigado a ser neutral.
18. Co fin de non inducir a erro ou confusión dos usuarios, o periodista está obrigado a realizar unha distinción formal e rigorosa entre a información e a publicidade.
Por iso enténdese eticamente incompatible o exercicio simultáneo das profesións periodísticas e publicitarias.
Igualmente, esta incompatibilidade estenderase a todas aquelas actividades relativas á comunicación social que supoñan un conflito de intereses co exercicio da profesión periodística e os seus principios e normas deontolóxicas.
19. O periodista non aceptará, nin directa nin indirectamente, retribucións ou gratificacións a terceiros, por promover, orientar, influír ou ter publicado informacións ou opinións de calquera natureza.
20. O periodista non utilizará nunca en beneficio propio as informacións privilexiadas das que tivera coñecemento como consecuencia do exercicio profesional. En particular, o periodista que habitual ou ocasionalmente informou sobre asuntos financeiros estará suxeito ás seguintes limitacións:
a) Non poderá utilizar no seu beneficio económico datos financeiros dos que teña coñecemento a través da súa difusión xeral, nin tampouco poderá transmitir eses datos a terceiros.
b) Non poderá escribir sobre accións ou valores nos que teña un interese financeiro significativo propio ou dos seus familiares.
c) Non poderá negociar de ningún xeito accións ou valores sobre os que teña intención de escribir nun futuro próximo.