A Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX), foi creada no ano 2007 no núcleo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), como unha comisión encargada dos temas de xénero.
Entre os seus obxectivos figuran os de procurar a igualdade de representación de mulleres e homes nos órganos de decisión dos medios de comunicación. No tratamento da información xornalística, avoga pola igualdade e o rexeitamento da violencia de xénero.
Para promover a igualdade de xénero e mellorar o tratamento que reciben as informacións sobre violencia, a agrupación ven de crear dúas mencións xornalísticas, unha pola igualdade e outra contra a violencia de xénero.
A Mención Xornalística pola Igualdade vai premiar os traballos publicados nos medios de comunicación que se distingan por unha información defensora dos valores da equidade entre mulleres e homes. A primeira mención outorgarase arredor do Día Internacional da Muller, que se celebra o día 7 de marzo.
Do mesmo xeito, a Mención Xornalística contra a Violencia de Xénero, outorgarase arredor do 25 de novembro. Con esta mención, a AMX promove nos medios de comunicación unha información acorde coas políticas que perseguen un tratamento de rexeitamento da violencia contra as mulleres e apoio ás vítimas.
Para pertencer a esta agrupación, hai que formar parte da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC) e mostrar a vontade de participar.