Os sete decanos da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC abordaron os retos da profesión xornalística nun encontro mantido no Centro Internacional de Prensa de Galicia
O acto, que se celebrou con motivo do Día do Patrón dos profesionais, retransmitíuse en streaming
Santiago, 24-01-2023.- Os sete decanos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), centro que abriu as súas portas en 1991, reuníronse no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG), xestionado pola Asociación de Periodistas de Santiago (APSC-FAPE), con motivo do Día do Patrón dos profesionais do sector. Durante o encontro, que foi retransmitido en streaming, os académicos repasaron a historia da facultade de Xornalismo galega e afondaron nos retos aos que se enfronta a profesión. Das súas aulas saen cada ano 80 novos xornalistas, que contan durante a súa formación, cun sistema de prácticas remuneradas pioneiro.
As intervencións e coloquios foron moderados por Belén Regueira, directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). O decano comisario no inicio da facultade en 1991 foi o catedrático Emili Prado, que interviu por videoconferencia desde Barcelona, xa que desenvolve a súa actividade docente na Universidade Autónoma da cidade condal. Para o académico o bo deste encontro é que ten sido un exemplo de posta en común dos problemas estructurais aos que se enfronta a profesión, para a que o máis importante seguirá sendo que o xornalista saiba verificar a información e usar as fontes autorizadas e axeitadas.
Participou nesta cita Margarita Ledo Andión, que estivo ao fronte do decanato entre 1992 e 1996, cando comezou andar a devandita facultade. Ledo destacou fitos como o Congreso de Comunicación da Periferia Atlántica que se celebrara nos anos 90 e que permitiu “conectarmos coas grandes nacións, establecer unha serie de vínculos con determinadas correntes de pensamento que nos influíron moito”.
Xosé López foi decano entre 1996 e o 2004, unha época na que lle tocou vivir o traspaso de edificios, xa que a anterior facultade estaba ubicada na Praza de Mazarelos e a nova atópase no Burgo. As instalacións permitiron dispoñer de platós de televisión, estudos de radio, aulas informáticas, é dicir, “infraestructuras que viñan asociadas aos cambios tecnolóxicos que se estaban producindo”.
José Miguel Túñez tomou o relevo no posto ata o 2008. O exdecano agradecéulle ao presidente da APSC, Luís Menéndez, xuntalos e “facerlles mirar atrás”. “Cando me tocou asumir esa responsabilidade, un dos retos de mirada curta era o feito de que, se xa nos coñecen fóra, temos que conseguir que nos coñezan dentro”. Túñez tamén asumiu o reto de adaptación ao plan de Bolonia, “significaba un plan de estudos que nos ataba máis na posibilidade de facer a oferta”. E, para adaptarse aos novos tempos, chegaron ter unha asignatura “sen contido, Cuestións Actuais de Comunicación, que permitía actualizar o plan de estudos con temas emerxentes, como o metaverso”.
Xosé Pereira Fariña, exerceu este labor entre 2009 e 2014, sendo daquela o decano máis novo do campus de Santiago. Comezou a súa intervención bromeando co xeito de que foi o primeiro decano que non era de Lugo. Lembra que a nivel tecnolóxico a facultade tivo que adaptarse aos tempos, a recursos como o da retransmisión en streaming, por exemplo, pero o máis importante é que se tivo que enfrontar á crise económica, “con alunos con dificultades para continuar a súa formación e medios de comunicación atravesando situacións laborais complicadas”.
Xosé Ramón Pousa Estévez liderou a facultade ata que ocupou o cargo, en maio de 2022, a actual decana, Ana Isabel Rodríguez. Para Pousa, este centro é un exemplo da combinación entre a teoría e a práctica. “Continuei o labor de Pereira de actualizalo tecnoloxicamente. Pero estar á última en tecnoloxía atopóuse co atranco dunha grave crise económica. Tocóume renovar as instalacións en época de crise e aínda por encima, tocóume a pandemia e puidemos demostrar que estabamos capacitados para non interromper o ensino”.
Pola súa banda, Ana Isabel Rodríguez explicou o que supón o convenio suscrito entre a facultade e o CiPG: “Vai nesa liña de retroalimentación entre o sector xornalístico e a facultade, supón enriquecer estas redes. O feito de ter estas canles permite os alunos coñecer aos profesionais. Ademais a facultade está para colaborar co sector en todo o posible, que fomentemos o debate e a reflexión como pretende o CiPG, porque a facultade non está de costas á sociedade, nin á profesión. Loitamos por sacar adiante esta querencia polo xornalismo”.
Os decanos abordaron non só lembranzas académicas e estudiantís da xa dilatada historia da facultade galega, senon tamén destaques da actualidade dos estudos de Xornalismo, o papel do xornalista hoxe en día e os desafíos dunha profesión tan agredida e cuestionada como esencial para a saúde de calquera país que se prece de ser democrático.
O acto enmarcouse no espírito e letra dos convenios de colaboración asinados recentemente entre a Facultade, o CPXG, e o CiPG para o desenrolo de actividades profesionais.