Cinco autores propoñen unha nova mirada sobre Santiago na obra ‘Compostela como desexo’, que foi presentada no Centro Internacional de Prensa de Galicia



De esquerda a dereita, Xosé M. Villanueva, Alfonso Salgado, Xerardo Estévez, Enrique Alvarellos, Fernando Barros, Xulia Campo e Luís Menéndez -da APSC e CiPG- e Antón Baamonde.

Santiago de Compostela, 16-12-2022.- O Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG) acolleu este venres a presentación da obra colectiva ‘Compostela como dexexo’, da editorial Alvarellos, na que cinco persoeiros propoñen una nova mirada sobre a cidade. Os autores son un filósofo, Antón Baamonde; un economista, Fernando Barros; dous arquitectos –Xerardo Estévez e Alfonso Salgado– e un filólogo Xosé M. Villanueva, que definen a publicación como “un documento de reflexión e de ilusión” para compartir coa cidadanía, conscientes de que a capital de Galicia afronta unha década crucial.

O editor, Quique Alvarellos, destacou que Compostela debe elaborar un pensamento propio e que as páxinas son como camiños do desexo. “O libro representa un trazado novo para a cidade, cheo de ilusión e de esperanza. Aquí hai cinco voces que deben ser escoitadas”.

O filósofo Antón Baamonde sinalou que “o máis importante deste libro tal vez é o xesto, a vontade de escribir sobre o Santiago imaxinado, intuido, posible, o que podía ser, o desexado”. Referíuse aos datos recentes do Observatorio da Poboación da ONU que informan de que xa hai 8.000 millóns de habitantes e que máis do 50% vive en cidades. Ademais prevese que non máis aló de 2050 acade o 70%. “Pero as cidades -engade o escritor- son megalópolis ou meros agregados, moi lonxe do modelo das vellas cidades europeas, paseables. Sen embargo, temos a sorte de vivir en Galicia, nunha rede urbana de sete cidades, sempre dun tamaño amable e isto é realmente un valor que debemos coidar e transmitir. As cidades galegas poden ser un espacio moi habitable pero teñen que ter tamén dinamismo, ser capaces de atraer e manter talento,cartos e xente…en definitiva ser competitivas”.

O economista de Neda, Fernando Barros, sinala que a estructura económica de Santiago está moi focalizada no turismo “que non é malo en si mesmo, pero non é unha estructura de equilibrio. Sen embargo, o sector industrial ten vantaxes diferentes, asenta poboación e permite un maior proceso de investigación, así que, por que non apostar pola industria?”. “Plantexámonos tamén -segundo engade o autor- de qué maneira o espíritu de cidadanía chegue a impregnar á universidade en aras de xerar unha simbiose”.

O arquitecto e exalcalde compostelán Xerardo Estévez contou que “excavados os restos da Catedral vese que hai restos de todas partes do mundo, somos cruce, mestizaxes e temos que seguir sendo cosmopolitas”. O tamén arquitecto Alfonso Salgado cre que a cidade, a que tamén denominan os autores “a alfombra do millón de metros”, hai que pensala globalmente. O filólogo Villanueva afirmou: “Santiago ten oportunidades como case ningunha outra cidade de Galicia”.

Os autores afirman que “este libro nace da constatación dunha insatisfacción á que non debemos resignarnos. É preciso volver a ilusionarse coa cidade, aproveitar todo o seu potencial para converterse nunha Compostela creativa, intelixente, plural, bohemia, respectuosa, creadora de alto valor engadido e repartidora de riqueza.”. Que esta cidade non sexa só ‘punto de chegada’ de milleiros de persoas, senón tamén ’punto de partida’ para un futuro posible e engaiolante”.

Deixa unha resposta